Opinión

Monteiro

Pretos, da cor da pizarra das nosas terras ourensáns do leste, nos montes de Valdeorras, son as figuras totems de Toño Monteiro que rodean a columna do expositor de Lisardo Dorribo na feira que hai estes días no Edificio de Exposicións.O artista escultor compón unha metáfora de pedra e auga. Mérito do mencionado empresario que demostra coa súa proposta que a creatividade dende a arte pode ser un vieiro de promoción como imaxe. Moais da illa de Pascua, iconas dunha familia.


Emociónanos atoparmos a reivindicación do antigo claustro de San Francisco nun recuncho da mostra. Parte indisoluble do cerne do patrimonio cultural da cidade, ante todo, máis tamén da arte gótica galega, que a asociación cidadá pola Liberdade, Progreso e Democracia ergue como bandeira. O seu ¡no digas que no te importa! É un berro suave de auga, que como as ondas calmas se espalla tranquilo, mais non sen forza. Grandes fotografías do claustro, de antes do seu lamentable estado de abandono, polo labirinto legal no que andamos dende a anterior Taifa, e o grande monumento segue a desfacerse, paseniño, de xeito inexorable, sen que se produza a beizón dun grande pacto interpartidista cos seus líderes á fronte, anacos como son da sociedade, pois queren apenas estar atentos os seus embigos, no que demostran que lles vale máis o seu logro parcial, cando o acadan, que o ben xeral da colectividade. Por enriba de Ourense está San Francisco, e a recuperación do seu edificio e claustro debe estar por elo no eixo das ilusións de ser cidade esta vila grande que habitamos, e non só nun sentido espacial. Hai voces significadas como a de Frei Xosé Rodríguez Carballo, franciscano natural de Lodoselo (Sarreaus), quen dende 2003 ven sendo o Ministro Xeral da Orde conventual dos Irmáns Menores, que se laia da súa perda de contido. E agora esta asociación, sociedade civil, na que estamos todos nós, gota a gota, formando ondas. Dende o Ateneo, ás veces, nas propias rúas, e agora aquí, para recordarnos con voz constante o fundamental, recadando sinaturas de adhesión. Nace co vento do alento (como no canto de Berrogüetto), para impulsar ós cidadáns sen máis bandeira que a de Ourense. Eis a mensaxe do stand máis aló do estilo gótico do claustro. A forza da idea non morrerá mentres se vexa que falan de Ourense en plural.


Mais nesta sociedade de hiperconsumidores o que trunfa é a segmentación do mercado coa diferenciación do produto. Por elo Toño Monteiro presenta unha exposición na sala principal do edificio central de Correos, innovación da sensible directora quen quere así marcar un camiño dende as paredes convertidas en improvisada sala expositiva, na que colgan obras como o relevo da Corna Musa, que desenrola nun elemento plástico o corno dos carteiros. E xa que nesta nova economía a prioridade non é xa o prezo senón a satisfacción emocional do cliente, é dicir unha nova experiencia afectiva e sensorial, non podemos máis que congratularnos coa experiencia. Apostar por novos obxectos de consumo nunha época de recesión supón un proxecto estratéxico de busca que Ourense non morra de parálise. Máis aínda, no mes de Santos.



Te puede interesar