Opinión

En Risco, con Risco

Estivemos na inauguración da exposición ‘Mito e horizonte’, na Fundación Vicente Risco, mais sen risco (o que se explicita con estas liñas). Dende finais do pasado mes están Figueiras, Antonio Soria, Xaime Piñeiro e Seo con esculturas, cerámicas, pinturas, gravados e debuxos. E con eles Jesús Costa e Diego Blanco, con un coidado montaxe audiovisual. Estamos pois ante a primeira das exposicións monográfico-temáticas do Colectivo Arte Mud que iniciou a súa presenza en Allariz a finais do pasado inverno. Onte se completou a actividade mensual con un taller para nenos pola mañá e a mesa redonda pola tarde. Nela estivemos con Soria e Seo, acompañándonos un fato de artistas como Sula Repani, Jorge Varela e Miguel Karballo, os amigos da Fundación, e outros que se sumaron no acolledor recuncho.

Logo das nosas preparadas palabras arredor do tema ‘Arte e mito’, a interacción entre todos no cordial estilo risqueano fíxome valorar o tempo xuntos na vella casona ante a súbita canícula exterior. Xa na terraza do Centro Social, onde se achegou a saudar AlandeVal(deorras, of course) a tertulia continuou máis aló do solpor. Eis a arte a nos concita, e reune, por máis que a renovada presenza de Leda e Ulises, Orfeo, Aquiles ou Pigmalión como referencia nalgunhas obras recentes nos faga decatarnos dos valores que agachan aínda -materia libresca, do ancho mundo do legado da cultura grecolatina-, e con eles os Galaicos mitos que emanan das telúricas formas montuosas do Castelo e Armea, no horizonte de Augasantas. Porque é a fala das rochas un silente presente ao que lle damos as costas en demasía, inmanente e central no perfil da arte galega.

Elas din tanto nestas horas lixeiras e de moscóns plúmbeos que viven entre nós! Así se pode comprobar, valorar e apreciar, nas obras daqueles artistas ata fin de mes (no ár da Fundación alaricana parecían resoar aínda as palabras do macedonio Nadzirov, “só se inventamos novos países/poderemos volver camiñar sobre as augas”, que o día anterior ata aquí se achegou, en destaque no folleto).


CON RISCO

Nas máns, con unha selección das ‘súas horas’ de La Región, nos días en que co gallo da maxia posto no ‘número cincuenta’ Vicente Risco renova a nosa alicaída ilusión coa súa presenza e a súa ‘gracia’, a dun pequeno gran home sabio que viviu entre nós fertilizando aquel convulso tempo entre 1939 e 1951: este foi o tempo no que dende a xanela cotiá do diario provincial par excellence deu as súas conviccións e obsesións, gustos e soños, verdades e dúbidas, dileccións e caprichos -así o escribe en castelán, na introducción do libriño, aggiornándose ás circunstancias do sistema imperante neses anos-, engadindo, “sin detenerme ante la temeridad ni la extravagancia..., con una sinceridad sostenida hasta en la elipsis y en la reticencia”, palabras-chave de tantas cousas... Esta é boa música para desaparecer dentro, e sairen, renovados, con ataraxia e sen acedia, á semana que escomenzando está.

Te puede interesar