Opinión

Sagra, o Corpus e o boi

Dicir Sagra, estes días é falar dun retablo, coas súas salientables tallas escultóricas, redivivo, revivindo, dende as sombras, trala súa consolidación, e restauración das cores orixinais. Patrimonio eclesial, da Diocese, levantado como a igrexa, dende os cartos do outro estamento de poder do Antigo Réxime, o nobiliario, sendo os Condes de Ribadavia, a familia dos Sarmiento, os que puxeron nel os seus brasóns no ático. Dicimos estes días Sagra porque ben de ser recoñecido en solemne acto público na igrexa parroquial de San Martiño o premio que o Grupo Francisco de Moure de historiadores da arte ourensá lle deron, premio 2008. Mais dicimos Sagra dende a visión dun home, Francisco Lovelle Álvarez, o cura, quen apostou por el. Dicir Sagra e falar de Nova Rumasa e Caixa Galicia, que creron na importancia do proxecto e aportaron o material. Dicir Sagra é falar da recuperación do noso patrimonio cultural. Noso por que é de todos, dende o río da historia pasada, do tempo pretérito, do que vimos todos. Obra feita na cronoloxía en que dominaba o Barroco, co século XVII avanzado, é non obstante unha obra arcaizante que remite dende a súa estrutura a modelos do Renacemento manierista da centuria anterior, en xeral, falándonos nesa altura de radicin máis que de modernidade. Esta está, principalmente no movemento das poses dos santos e das súas roupas, formas que dependen xa dun sentir distinto. Dicir Sagra e dicir, tamén, O Carballiño. E alí estaban na entrega do premio o alcalde, o os membros dos demais partidos políticos, e tamén o Bispo, quen asumiu o protagonismo do presidente do colectivo ó entregar o importante recoñecemento cultural. A recompensa patrimonial quedou completa neste marco artístico nun día histórico coa recepción como novo membro do grupo Francisco de Moure do especialista na divulgación deste eido Xesús Manoel García Díaz, un dos máis importantes periodistas nesta rama de Galicia. Co que o grupo vese recuperado logo do falecemento de Segundo Alvarado Feijóo-Montenegro.


Mais o patrimonio tamén é inmaterial. Aínda máis, é primeiro inmaterial e logo material. Así no Corpus, festa de procesión tan só hoxe, máis noutrora grande festa, a primeira da cidade, pola implicación dende os poderes eclesiástico e civil da sociedade. E se ben no noso tempo a escala de valores tense trocado segue a ser necesaria ó seu concurso. Moito máis se miramos cara as celebracións que teñen un importante ronsel, como é esta, solemnidade de procesión. Tense reducido, como é doado velo cando faltan diante da sacra comitiva os elementos como a coca, ou o dragón, elementos nos que se concreta o pagán, fonte o relixioso. Suprimíronse. Carencia de pedagoxía en quen tiña que defender o seu importante significado, posiblemente, mais agora neste mundo secularizado (que non antirrelixioso) cumpre recuperalos, como se ten recuperado o Entroido logo de tanta prohibición dende os poderes. Se miramos a Portugal, república con gran relixiosidade, non faltan, e seguen a desfilar coas súas confrarías de artesáns, como en Penafiel, preto do Támega, ó sur de Chaves e Verín. Como segue a ter Allariz a súa procesión relixiosa, e o boi, historia medieval recuperada e convertida nestes últimos anos nun espectáculo. Ambos conviven. E incluso Arturo Andrade ten impoñente grupo escultórico desto último, se ben carece Allariz dun co Corpus. Só así completará de maneira comprensible unha axeitada localización histórica.



Te puede interesar