Opinión

VISITAS MÉDICAS DE ARTE ATA PONTEVEDRA E ALLARIZ

V iaxamos nos pasados días do tempo de Nadal na procura dunhas exposicións de arte: con paraugas, craro está, e achegámonos ata a capital da Toscana ourensá nas beiras do Arnoia para estar con Xavier Valera, que presenta obra na Casa da Cultura. O precoz artista que se chegara coas súas obras no Liceo ourensá en 1984 cando tiña catorce anos está agora na idade adulta da súa arte. No cando de presentalo na exposición do Ateneo en 2003 xa nos pareceu dono dunha técnica relevante, que confirmamos en 2006 no Centro Cultural. Delas destacamos dúas máis que notables acuarelas, acordes coa invernía da época, a dunha árbore de polas espidas, e unha paisaxe urbana: obras dun creador de relevantes atmosferas, con dominio do volume e da cor. A terceira que escollemos é a do cartaz anunciador, un debuxo con grafito na que se amosa titor dunha nova árbore, que guía con ladrillos, á espera de que chegue a primavera...


Días antes estivemos na inaugarición de 'Arrede mO!', nos baixos da Fundación Vicente Risco. Co artista Manolo Figueiras como coordinador, que a presentou diante do Presidente daquela, Luis M-Risco, o grupo 'Arte-Mud' puxo en marcha as accións artísticas do ano con unha ampla colectiva cos seus asociados, e invitados, arredor da 'Historia del diablo' do mestre de mestres Vicente Risco. Esta insólita e erudita obra editada nos anos corenta, reeditada por Xerais e últimamente por Nigratea, foi a desculpa temática para que Produccións Arte Mud xuntaran obras ad hoc. Estivemos co artista brasileiro de Sao Paulo Raúl Diniz, os irmáns Xavier e Xurxo Valera, Seo, Antonio Soria, Xaime Piñeiro, Pablo Otero e Xurxo Oro. E por alí se achegaron Outeiriño, Karballo, Eduardo Núñez, Repani, Eva Casado, Baldomero Moreiras, Taboada, Moxom e outros. Abren únicamente os fins de semana.




Antón Pulido


Este home optimista de Bóveda de Amoeiro -que se sabe ab ovo da oteriana Lombardía-, pecha estes días a súa grande mostra de 'Kermesses' en Pontevedra, un gran suceso artístico dende finais de novembro.


Gusta da cor amarela e da flor violeta dos estoupos (serán cólquidos, como no campo da Saleta en Cea?), e sae a buscar a sorte, logo de pintar as súas amplas telas de cores que saben a Sibelius, Stravinsky -así esa composición de oito cadros- ou Shostakovich, por mais que tamén escoitemos polo baixo a Magister Perotinus Magnus: unha grande beleza, dende esa luminosidade que só se pode captar dentro da catedral que está ó redor dil. Unha pintura que expresa a intensidade da paixón transformada da natureza, transmutando en cores os sons das súas composicións.


No elenco espléndido das súas kermeses cabe engadir un magnífico catálogo editado por aquela Deputación, que se abre coas palabras que lle escribira Otero Pedrayo fai corenta anos sobre a fantasía das súas cores e formas, e textos da comisaria Saleta Docampo, Alonso Montero e Antón Castro.


As gabanzas realizadas na prensa de Monxardín, Méndez Ferrín, García-Bodaño, Mecedes Rozas, Bragado ou Bernárdez son dende logo moito máis que un outeiro menor.

Te puede interesar