Opinión

Aí vén o españogalinglish

De novo malos datos para a lingua. Eu aprendín a falar e escribir galego escoitando na rúa, nas tendas, nas cafeterías e nos transportes públicos. Cheguei a Galicia na porta dos anos setenta e sorprendinme de non atopar a lingua galega nos medios de comunicación, como sucedía coa resistencia do catalán. E cando fun na procura de obras escritas, na meirande parte das librarías, estaban agochadas en pequenos currunchos para iniciados. Editábase pouco. Sorprendido por aquela disociación entre a realidade popular e o uso obrigado do castelán, tomei partido polo galego e a cultura emitida nesta fala. Dende o meu traballo na radio e na prensa escrita tiven a fortuna de ser acollido con agarimo pola “resistencia cultural da lingua”. Persoeiros como Cunqueiro, Xosé María Álvarez Blázquez, Francisco Fernández del Riego, Celso Emilio Ferreiro, Ramón Piñeiro, Carlos Casares, Xulián Maure... tendéronme a man. Logo coa xente da miña xeración, aqueles míticos que foramos do Círculo Ourensán-Vigués –Mantecón, Freixanes e Malós, Vaqueiro, Bieito, María Xosé, Blanca e Tarrío, Murado, Palmeiro, Labarta, Hermida, Janeiro...-, nunha incansable andaina consolidei o meu interese convertido en vocación. A miña ampla obra en galego e polo galego reflicte o traballo feito durante cinco décadas.

A santo de que vén este parágrafo dos servizos prestados? Pois simplemente porque neste maio das Letras Galegas afeito a peregrinar por centros escolares, asistir a seminarios e charlas, acumular novos libros e falar, moito falar, ademais de escoitar as queixas sobre a situación do galego sempre na UCI -desde o histórico “Informe-dramático sobre la lengua gallega” (1973) de Alonso Montero-, non paro de observar e valorar a situación da lingua nunha normalización (precaria pero natural) na xente nova, na incesante e abundante publicación de poesía, novela, ensaio, LIX e libros de divulgación, no crecemento das editoriais, escoitando as emisións de radio e televisión en galego, lendo nos xornais e nas redes en lingua galega con absoluta liberdade e acatando leis emanadas en galego do Parlamento de Galicia. Porén non é suficiente. E agás en determinados sectores políticos e culturais, a situación perdeu dramatismo, seguramente para mal, cara a un futuro incerto.

Neste século XXI a cultura, as letras e a fala galegas están a vivir un proceso de adaptación á realidade e aos perigos da globalización no concerto dun Estado autonómico imperfecto, nunha Europa só mercantil e nun mundo alleo ás culturas minoritarias. A supervivencia do galego xa non depende de nós, do que fagamos en Galicia a prol da súa protección e difusión, somos escravos dos impactos externos e da transformación universal da sociedade, polo de agora baixo do capitalismo financeiro e das incertezas do porvir político. A sociedade internacional, como sucedeu en todas as etapas da historia da Humanidade, camiña polos vieiros da mestizaxe e do mesmo xeito que nós seguimos a falar en latín-galego, probablemente antes do remate da presente centuria a nosa descendencia vai falar españogalinglish con toda seguridade. Canto temos escrito e dito neste latín que eu agora practico deberá ser traducido e interpretado con novos códigos lingüísticos. Porén seremos importantes se os contidos do contado, expresado e pensado seguen a ter valor literario, filosófico ou histórico. Do contrario, no proceso centrífugo en que se desenvolven as culturas actuais, dos nosos traballos e empeños lingüísticos quedará ben pouco e podrecendo nas bibliotecas do esquecemento. Ese vai ser o valor da festa.

Te puede interesar