Opinión

As bágoas de Adrián

Xa tivera que conterme dabondo cando gravei o Especial Bamboleo de Noiteboa, pero non puiden reprimir as bágoas cando vin desde a casa a emoción do neno Adrián, o magnífico bailarín de oito anos que chegou ao plató acompañado de Lara, a súa parella de baile desde hai catro anos, e soamente teñen oito, co cal é dicir desde sempre.

Adrián e Lara xa estiveran no programa e xa nos sorprenderan co seu bó facer e a súa simpatía, e xa sabiamos da afección de Adrián polo fútbol, xa que é titular infantil do Rápido de Neda, e xa nesa primeira ocasión se por el fose bailaría co chandal do equipo dos seus amores, a quen lle mandou moito cariño no programa. E claro, nós sabendo do marabilloso que é este rapaz, do cariñoso que é coa súa familia, coa súa parella de baile e cos seus compañeiros do fútbol, quixemos darlle a primeira gran sorpresa da súa vida. O que non sabiamos era da enorme sensibilidade deste estupendo bailarín e futbolista que lle fixo ser protagonista dun deses momentos irrepetibles na historia do "Bamboleo". Adrián chorou o que non está nos escritos cando víu entrar no plató a todos os seus compañeiriños do equipo vestidos coa indumentaria titular e aos seus adestradores Fornos e Nani que lle dedicaron todo clase de eloxios, e eu, e sei que moitos miles de persoas coma min, deixamos caer unha bágoa de ledicia e de tenrura vendo esas imaxes nunha noite tan especial, a Noiteboa. 

Gracias Adrián, gracias por reconciliarnos con este mundo tan tolo, tan insolidario, tan cruel e tan falto de sensibilidade en multitude de ocasións. Tí demostraches querido neno que aínda queda oco para a esperanza, sacaches esa noite o mellor de todos nós, e aínda que soamente fose por un momento convencéchesnos de que todo pode ir a mellor se aparecen nas nosas vidas persoas coma tí. 

Hoxe seguramente non entenderás nada do que che estou escribindo, pero cando dentro duns anos vexas a gravación, e mesmo te ruborices un chisco por ter chorado diante de media Galicia e parte do estranxeiro, poderás sentirte orgulloso do teu paso pola Televisión de Galicia, a televisión da túa terra , e sabemos que te sentirás orgulloso porque, tal como me dixo un amigo meu que tamén te víu e tamén se emocionou, necesariamente tés e terás que ser unha moi boa persoa. Haiche cousas, querido meu, que se intúen desde sempre, porque quen con soamente oito anos lle  leva flores á súa parella de baile cada vez que compiten, ou deixa de bailar se ela está enferma, ten que ser necesariamente o mellor dos amigos posibles e a mellor das persoas.

Imos entrar nun novo ano, e eu quero desexarlle o mellor a toda a xente de bó corazón, e por iso quero desexarche a tí que sigas sendo feliz, coa túa familia, cos teus amigos, coa túa compañeira Lara; e que os Reis Magos sexan moi xenerosos contigo, porque o mereces e porque levas escrito na cara que se tés que compartir os teus xoguetes con algún neno que non tivo a sorte de que a Cabalgata Real parase na súa casa faralo sen dúbida algunha.

Querido Adrián, fixeches grande ese Bamboleo de Noiteboa, que gracias a persoas coma tí acadou unha audiencia de auténtico récord. Volve pronto a visitarnos e non cambies nunca, nin nunca te arrepintas das bagoas de felicidade que tí botaches e que nós botamos por ti. 

Te puede interesar