Opinión

En casa Marcelo

Aproveitei o meu recente aniversario para darme unha pequena homenaxe gastronómica en “Casa Marcelo”; créanme que nin conta me dera de que había uns días que dito establecemento recuperaba a “Estrela Michelín” á que renunciara había un par de anos cando pechara as portas para reconverterse, cunha nova filosofía de traballo, nunha taberna de novo deseño, onde todo está á vista e onde os excelentes cociñeiros son os mesmos que che recomendan e serven o menú. Por algo este restaurador vigués presume de equipo cando alguén o felicita; parabéns que tiven a oportunidade de manifestarlle eu tamén en persoa xa que se achegou a saudarme, recordando a bó seguro a curiosa maneira que tivemos de coñecernos.

Fora no meu domicilio cando “La Región TV” me pedira realizar un programa piloto que logo comandaría a sempre estupenda actriz Isabel Blanco, asistida como “maître” por Rafa Durán e coa sapiencia nos fogóns de André Arzúa, alma máter do Restaurante “A Fábrica de Vilanova” en Allariz. Con eles cheguei a gravar un dos episodios de “Comando Chef” na casa dunha “incondicional” miña á que sorprendemos presentándome a cear sen previo aviso; e foi grande a sopresa e foron ben divertidos os momentos vividos naquela gravación.

Pero antes de todo iso, como vos dicía, houbo unha primera versión do programa na que un gran chef, Marcelo Tejedor, visitaba o domicilio dalgún personaxe galego para tratar de facer un menú cos ingredientes que atopara na casa. E así foi como mo transmitiron a min, de tal xeito que cando chegou o equipo do programa atopouse coa neveira más triste que a de Carpanta, pois de todos é sabido o pouco ou nada que eu gusto de cociñar. Apenas un pouco de froita, algo para ensalada, latas, moitas latas e, iso sí, moitas aceitunas, patacas de bolsa, améndoas, queixo, xamón, embutidos e demáis ingredientes para poñerse “bonito” vendo calquera película tirado “á bartola”.

O máis divertido foi ver chegar a Marcelo co seu impecable xogo de coitelos profesionais como se fora atopar entre os ingredientes un boi de Penamá despiezado. Cando abríu aquela neveira e aqueles armarios non puido máis que comezar a suar e a dicir que era imposible facer nada, mentres eu trataba de convencer ós productores para que me deixaran ir facer unha compra xenerosa, ó que me responderon que así estaba ben porque o que se buscaba era o factor sorpresa. Total, que este excelente cociñeiro, con toda a paciencia do mundo foi quen, cun pouco de leituga, unha latas de conservas, uns ovos, unhas peitugas de polo que durmían no fondo do conxelador, melocotón en almibar, froitos secos, sopa de sobre e non sei que poucas cousas máis, de preparar dous platos e postre que ben poderían estar na carta de calquera restaurante de luxo. O emplatado foi espectacular, porque iso sí, menaxe teño como parar un tren, por algo me pasei moitos anos regalando vaixelas no “Supermartes”; e viño tamén había, e non malo; con el brindamos ó final da gravación e aínda botamos unhas risas. Aínda que soamente fora por iso, tiña que devolverlle a visita a Marcelo na súa nova Casa, onde as tapas, por certo, son de falar con Deus.

Te puede interesar