Opinión

Coa familia da Garda Civil

Recordo cando neno que polo Pilar o meu pai acudía á festa que daba a Garda Civil xusto en fronte do Barrio de San Benito onde viviamos. Era na casa cuartel que a maioría dos rapaces coñeciamos ben por ter entre os nosos amigos moitos fillos do “Corpo”, como José, Domingo ou Julita Castillo, e no que entrabamos “como perico pola súa casa”, saudando a quen estivera ese día de “portas” con total familiaridade.

E con esa familiaridade acudín este pasado luns ós actos da Patrona da Garda Civil na viguesa rúa Sevilla, onde se deu cita boa parte da sociedade olívica, convidado polo Capitán Antonio Iglesias Salas, o mellor relacións públicas que o Corpo pode ter, e a quen eu xa coñecía de cando era tenente no Carballiño e con quen teño compartido mesa e mantel en varias ocasións. Ata a climatoloxía quixo aliarse facendo que a borrasca da fin de semana dera paso a un estupendo mediodía soleado que realzou a cerimonia, na que atopei a un bó número de amigos como Teruca Cendón, que chegou sen o seu marido, o vicepresidente do Parlamento Galego, Miguel Santalices, que acudira a un acto similar na capital ourensá. O alcalde Abel Caballero recibíu para o Concello de Vigo un “Tricornio de Prata”, agasallo que eu tamén me prezo en posuir e gardar na miña casa desde que o Benemérito Corpo tivo a ben regalarmo na miña etapa como presentador do programa “Acompáñenos”.

E unha vez rematados os actos propios da efeméride e tomar un viño coa maioría dos asistentes chegou o momento máis emotivo para min, cando fun convidado a compartir un repousado e entrañable xantar máis en familia, coa familia da Garda Civil, e alí quedei encantado ata o final da tarde coñecendo a moitas amigas e amigos que me transmitiron un enorme afecto e simpatía, comezando polo ourensán de Muiños, Comandante Óscar Grañas, e seguindo co tamén ourensán de Verín, Capitán do Porto e Aeroporto de Vigo, Benito Fernández Santamarina, quen nestes momentos xa debe estar en Mali en misión oficial de enlace que o terá lonxe da súa terra por espazo de catro meses, coa familia do Capitán da Compañía Territorial de Vigo, Antonio Iglesias Salas, co que moito rin lembrando a Xuntanza de Maiores no Parque do Carballiño onde nos coñecimos hai anos, uníndose á conversa o membro da policía xudicial, e tamén ourensán de Sarreaus, José Ramón López, que aproveitou para convidarme ó entroido tradicional do seu pobo, e moitos máis familiares e amigos cos que confraternicei durante horas, mentres que o garda civil Daniel González Gómez, natural de Verea-Celanova, e os seus compañeiros exercían de magníficos anfitrións, montando atraccións para os máis pequenos e servíndonos racións de mexilóns e de riquísimos callos da empresa ourensá “Coren” que sabían a gloria, como ben dixo o tenente alcalde de Vilar de Santos, Antonio Míguez, que tamén participou da festa; unha festa viguesa pero, como vedes, con moito corazón ourensán.

Xornada inesquencible e entrañable para a que soamente teño palabras de agradecemento e para a que xa estou convidado na próxima edición, á que por suposto acudirei encantado.

Te puede interesar