Opinión

Gwendolyne

Cando se pregunta cal foi a canción máis bonita que España levou a Eurovisión fálase case sempre do “Eres Tú” de Mocedades, as de Raphael, ou o “Vuelve Conmigo” co que Anabel Conde estivo a piques de gañar o Eurofestival no 95, sen esquecernos do  “Quédate Conmigo” de Pastora Soler ou o “Bailar Pegados” co que Sergio Dalma volveu poñer de moda aquelas cancións que as discotecas poñían nas sesións de lento coas que se bailaba e ligaba. Pero sería imperdoable non incluir nesta lista o tema “Gwendolyne” que Julio Iglesias lle compuxo a unha noiva francesa cando xogaba de porteiro nas categorías inferiores do Real Madrid. Julio xa viña de gañar “Benidorm” con “La Vida Sigue Igual” no 68, ano no que Massiel nos daba unha das maiores alegrías televisivas da historia musical española, cunha canción ideada en Ourense polo Duo Dinámico.

Todo isto vén a conto polo ruído mediático desta semana en torno á saúde de Julio; iso que tanto morbo dá ao gran público, o de especular sobre o estado físico de cantantes como el ou como Sabina, que volveu aprazar a súa xira de concertos, mesmo os de onte e mañá na Coruña. Imaxino que a moita xente isto sérvelle para humanizar un chisco a estes deuses do olimpo musical ao comprobar que todos somos iguales diante dunha bata branca. Outra cousa ben distinta xa é facer desa especulación un dogma de fe, dando por verdades incuestionables rumoroloxías saídas desde sabe deus onde. 

A saúde de Julio Iglesias ben sendo cada pouco motivo de conversa, algo lóxico para un personaxe que ao longo da súa vida persoal e profesional encheu e enche páxinas de titulares, con cifras astronómicas de ventas de discos e premios, con millóns de espectadores en todos os continentes nos seus concertos, como o das cinco horas no Camp Nou de Barcelona diante de cen mil persoas, ou os miles de discos de ouro e platino e o sinfín de recoñecementos tamén polo seu labor altruista en ducias de causas benéficas por todo o mundo. 

Todo isto leva o meu maxín ata o Paraninfo da Universidade Laboral de Cheste en Valencia no ano 72 onde eu cantaba o que daquelas era o gran éxito de Julio, “Un canto a Galicia” co que eu mataba a morriña coa que estudaba a mil quilómetros da casa, e Julio homenaxeaba á terra do seu “pae”, o doutor Iglesias Puga co que eu me atoparía moitos anos máis tarde paseando polos xardíns do Gran Hotel da Toxa acompañado da súa inseparable Ronna. 

A última vez que vin a Julio Iglesias en directo foi en “El Toralín” da Ponferradina nun fermoso concerto onde compartíu protagonismo coa inefable “Karina Fálagan”, empresaria da noite viguesa desde o seu “Bar Jonathan” da Praia de Samil, e que entre canción e canción estaba empeñada en enviarlle a súa pamela ao escenario, nun rifirrafe constante entre ela, o vento  e os vixiantes do concerto. Ao final o outro gran protagonista da noite sería o locutor Luis del Olmo para quen Julio tivo emotivas palabras ao ser un dos profesionais dos medios de comunicación máis ameazados por ETA. 

Volvendo ao inicio do artigo, repito que non teño nin idea de como anda a saúde do noso artista universal, o certo é que cando veu gravar a entrevista para o “Land Rober” de Roberto Vilar, e polo que podo contar, algunha “contractura” sí que había, pero ¿a quen non lle doe algo de cando en vez? Ogalla que sigamos tendo Julio para tempo, e a poder ser con sol.

Te puede interesar