Opinión

Con José Luis Mascareñas

Encóntrome con el no restaurante Caney do compostelán Hotel Araguaney, e sigo vendo a cara sorrinte e feliz daquel neno co que xogaba na súa casa alaricana do barrio do Couto, pegada á dos meus primos Luis e Jamín, estupendos ferreiros que continuaron coa saga familiar de tan noble arte. E alégrame enormemente que José Luis Mascareñas siga conservando ese talante e esa maneira de ser que lle ven herdada do seu querido pai, Luis Mascareñas, de quen fun alumno na miña etapa dos Maristas e a quen lin tantas veces nesta nosa La Región da que el foi correspondente moitos anos.

Luis era unha desas persoas afables, de fácil conversa e de mellor trato, e algo diso herdou sen dúbida este seu vástago do que todos os alaricanos nos sentimos tan orgullosos, a quen lle acaban de outorgar a Medalla de Ouro da RSEQ, o maior recoñecemento da comunidade científica no ámeto da química en España. Hai que lembrar que o amigo Mascareñas xa posuía o Premio Nacional de Química Orgánica á mellor traxectoria recibido no ano 2009 e a Insignia de Ouro da USC. E con todo isto segue sen perder a frescura e as ganas de seguir traballando desde a terra que o víu nacer, Galicia, podendo estar en moitísimas outras universidades do mundo por onde el ten pasado, tanto como becario postdoutoral en Stanford e Harvard, como profesor convidado na Universidade de Cambridge no Reino Unido ou o MIT nos Estados Unidos de América.

Por algo é presidente fundador do grupo especializado de Química Biolóxica da RSEQ e desde febreiro de 2014 director científico do CIQUS (Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiales Moleculares), que para os que somos de letras soa como importantísimo. E moi importante debe ser porque xa hai algúns anos este ilustre catedrático ourensán afirmaba que "a resposta a enfermidades como o cancro ou o alzheimer virá das mans dos químicos" e non menos importante era esta outra afirmación súa: "Se queremos pasar da sociedade do ladrillo á do coñecemento precisamos valorizar ás persoas e as súas capacidades", facendo un chamamento desesperado ás institucións e ós dirixentes políticos para que fagan todos os esforzos necesarios para que os nosos investigadores non teñan que emigrar e poidan seguir aportando todos os seus coñecementos e avances científicos nesta terra tan precisada deles, como moitos dos seus alumnos, que despois dos seus doutoramentos obtiveron contratos Ramón y Cajal e premios a xóvenes investigadores da RSEQ.

Pois con todo isto e moito máis ás súas costas, saúdame José Luis Mascareñas cunha grande aperta e presentándome ós seus ilustres colegas cos que comparte mesa, incluío un americano, como se estivera presentando a unha estrela de Hollywood, eu que ó seu lado son unha formiguiña obreira; pero esa é a grandeza das xentes importantes e dos grandes da humanidade, a súa humildade da que debemos aprender, e, por se fora pouco, preocupándose de deixar constancia das súas orixes afirmando en todo momento "eu fun, son e serei sempre de Allariz". Aí queda iso. Felicidades querido amigo.

Te puede interesar