Opinión

Sardiñas e churrasco

Xa hai bastantes anos, pandemia e outros males de por medio, que non asisto a ningunha fogueira, ou “cacharela” na noite de San Xoan. Imaxino que serán moitos os que a estas horas da mañá, nas que se lee o periódico maiormente, estarán aínda durmindo tratando de repoñer o corpo dos excesos de hai apenas unhas horiñas. No fondo, sinto unha envexa sa, e alégrome infinito que as xentes poidan celebrar, e mesmo “desfasar” un chisco, esquecendo a saturación política á que estamos sendo sometidos ultimamente.

Tal noite como a de onte os pisos vigueses énchense do fume chegado desde os catro puntos cardinais da cidade; son moitas as festas celebradas e moita a participación cidadá; a xente ten moitas gañas de “exorcizar” todo o malo acontecido nos últimos meses, e mesmo os que non participamos delas procuramos lavar a cara con esas herbas e frores que pasaron a noite “á xaneira” para manter o “cutis” impoluto, aínda que según a tradición non sexa este o seu obxectivo, xa que a herba luisa é para protexer de enganos e mal de amores ou o fiuncho para evitar o mal de ollo. O do cute é máis ben unha cuestión xenética, e teño que dicir que neso xogo coa ventaxa de herdar o mellor do Manolo e da Rosiña. Faime gracia cando me preguntan, e non son poucas veces, se me fixen algo na cara, acudindo ao “bótox” ou ao ácido hialurónico; pois non, respectando por suposto a quen sí os utiliza, e seguramente pola axuda anual das herbas de San Xoan, as miñas maquilladoras televisivas din que teño unha pel envexable; en fin, non todo ían ser desgrazas.

Pero volvendo a esta pasada madrugada de fumes, festas e olores, tamén teño que confesar que unha vez máis sáeme a vea repugnante dos que non gustamos das sardiñas, nin do seu sabor, nin das súas espiñas, nin de “pringar” as mans de aceite coa incomodidade de ter que suxeitalas co pan, mentres fas equilibrios co vaso de plástico do viño “peleón”. Penso que a última vez que participei nun aquelarre destes foi xa hai moitos anos, cando tiña a casa en Portugal, pero coa comodidade de ter onde apoiar todo o “zafarrancho”, e sobre todo a posibilidade de cambiar as ditosas sardiñas por un magnífico churrasco do que non tés que preocuparte polas espiñas que poidan aparecer. Os meus amigos portugueses e os deste lado da raia sempre me din que debo ser o único galego ao que, ademáis das sardiñas, tampouco lle gusta o bacallau; non é que non me guste comelos, unhas e outro, é que non soporto sequera nin o seu cheiro. Evidentemente son catalogado inmediatamente como o rei dos “repugnantes” culinarios. Do bacallao xa vos teño contado que odiaba os venres de Coresma onde na maioría das casas este peixe era recibido a bombo e platillo, mentres que a min chegábanme as bágoas ata os pés ao resistirme a probalo, coa axuda inestimable de meu pai que se convertía no meu principal aliado no cambio de menú “para o neno”, mentres que el sí que disfrutaba de tan suculento manxar, como segue disfrutando todo o resto da familia que cando van de visita ao País irmau veñen encantados despois de darse unha boa enchenta nos restaurantes de Camiña ou Viana do Castelo.

Eu acompáñoos, pero prefiro unha “costelinhas” á grella degustadas no “Chafarís” da fermosa praza camiñense, acompañadas de patacas, ensalada e feijôes, gozando da hospitalidade que caracteriza á maioría dos establecementos portugueses.

Te puede interesar