Opinión

Tempo de cereixas

Créanme se lles digo que unha das cousas que máis botaba de menos cando hai poucos anos tivera que prescindir de alimentos que non se puideran cocer ou pelar, eran as tentadoras cereixas. Ata procuraba evitar pasar por diante desas marabillosas froiterías que en meses como este son todo un reclamo para os sentidos; foran de Beade, do Bierzo ou do Jerte, cada unha co seu sabor, aínda que as exquisitas “picotas” estiveron a piques de facer que non cumprise a “machada” as indicacións das miñas hematólogas, aínda que para iso tivera que darlles dez lavadas se fixera falta. Poden estar tranquilas, miñas doutoras, porque aínda que tentacións houbo moitas, era maior a responsabilidade e o medo.

Agora que a deus gracias xa non teño esas restricións, o que realmente dá pánico é o prezo ao que se puxeron estas e outras froitas, que por moito que os especialistas en nutrición insistan en que debemos alimentarnos ben, son moitas as familias ás que lle sae máis a conta darlle de sobremesa aos nenos unha barra de xeado.

As primeiras cereixas supostamente do Jerte que merquei este ano, nun posto instalado a pé de carretera polas terras de Arousa estaban a once euros o quilo, prezo prohibitivo que antes só tiñan aquelas que chegaban de terras chilenas fóra de tempada en pleno inverno para nós; e créanme que levei un bo disgusto, porque do Jerte serían, pero sabor o que se di sabor tiñan case tanto, é dicir nada, como esas fresas que nos chegan do sur da Península e que maduran nas cámaras frigroríficas cunha “pintaza” realmente incrible, pero ás que tés que complementar con azucre, zume, iogur ou xeado para que pareza que saben a algo. Eu aínda lembro con nostalxia cando na miña primeira visita a Aranjuez me puxen bonito co atracón que me dei co seu prezado produto estrela, o fresón, que grazas ao empeño de xóvenes agricultores por recuperar o seu cultivo seguen podendo ofrecer actualmente. Iso si, como todo o que depende dos ciclos naturais, só dispoñemos de apenas un mes para gozalo.

E iso sabiámolo moi ben cando eu era neno, que momento era o xusto, mentres os donos das fincas durmían a sesta, para que a pandilla soltase o berro de guerra de “imos ás cereixas”, buscando aquelas cerdeiras coas máis roxiñas e mesmo picadas polos paxaros, que eran as máis ricas, sen pensar en ningún momento que no seu interior puideran traer sorpresa ademáis do óso. Nesto pasaba como coas uvas e as moras, coas que facíamos o “papabello”, que se te dabas unha enchenta das recén collidas da árbore a temperatura ambiente, como os trinta graos desta semana, o normal era que o resto da tarde tiveses unha estupenda sinfonía de tripas, sen tempo para chegar á casa e poñer o corpo en orde.

Eu penso que parte do éxito das famosas discotecas “Pachá” de Ibiza e outros lugares de España e Portugal, como Ofir, son esas dúas cereixas que presiden o cartel da entrada, como no seu día presidían tamén un dos primeiros pubs “modernos” no que tantas noites pasamos na rúa ourensá de Valle Inclán, o “Pinto’s”, con aqueles sillóns de vimbia e aquela decoración e música que te facían sentir como se estiveras de vacacións nas Illas Pitiusas.

Pois co seu permiso, permítanme que vaia ata a neveira e me dea unha pequena homenaxe de cereixas, que para iso estamos na tempada e xa baixaron un chisco de prezo, non moito, pero menos é nada.

Te puede interesar