HOMENAXE

O Museo da Limia programa unha homenaxe ás ras da lagoa

PRESENTACION_RAS[1]_result
photo_camera Un momento da presentación da mostra no Museo da Limia, en Vilar De Santos.

Esta actividade será o preludio da conmemoración dos 60 anos de inicio dos traballos da desecación

Houbo un tempo no que era moi habitual ver na Limia a maiores e pequenos pescando ras nas beiras da Lagoa de Antela e no Canal, antes da súa desecación. Así o recorda Luis Fariñas, un antigo raneiro da comarca: "Cando chegaba o verán moitísima xente ía coller as ras e despois as vendía nos bares e nas casas, gañábanse moitos cartos". Esta situación mudou tras ser o anfibio declarado en Galicia como unha especie vulnerable e en perigo de extinción.

A primeira prohibición vencellada á pesca de ras chegou a principios de 1995 e ata 2005, ano no que se fixo efectiva a veda ao cen por cen, a captura estivo permitida con restriccións. " Durante este periodo deixabanche coller dúas ducias e media por persoa e día", recorda Luis. "Tiñan que ter unhas medidas específicas e non te podías pasar do cupo especificado porque se non, había sanción por parte da Consellería de Medio Ambiente", engade. 

Este limiao, que pescou ras dende pequeno, estivo presente na inauguración da exposición "Unha vida de ra" no Museo da Limia, en Vilar de Santos. A mostra recolle un total de 200 figuras do anfibio pertencentes a un veciño da comarca, Antonio Blanco e que se poderán visitar ata o vindeiro 15 de agosto. Na xornada de presentación estivo presente o escritor limiao Rafael Laso, autor da obra que leva o mesmo nome que a mostra e que xa vai pola súa quinta edición. "O libro conta a historia dunha ra que fala", explica Laso. "Relata cómo viven estes anfibios e cómo enredan. Ten certo aire didáctico porque se explican conceptos como a súa metamorfose". O escritor tamén recordou a súa etapa como "pescantín": "Eu era moi malo capturando ras, de feito comentoo no libro", subliña Laso. "Na miña familia sempre houbo moitos pescadores e quixen facer unha homenaxe. Era un producto moi apreciado. Agora a especie é moi escasa, no canal segue habendo pero para preservalas non se permite a súa captura. A desecación tamén influiu moito de xeito negativo". 

Ademais das 200 figuras a exposición completase con frases e textos da obra de Rafael Laso, así como con instantáneas dos raneiros da comarca.

Dende o Museo da Limia sinalan que, durante o tempo que dure a exposición e, en datas pendentes de confirmar, haberá no centro distintos actos relacionados co anfibio homenaxeado. 

A mostra é tamén, un preludio dos actos conmemorativos do 60 aniversario do inicio dos traballos da desecación da lagoa de Antela. A programación darase a coñecer o vindeiro mes de xullo.

Te puede interesar