Sheila Fernández e Xabier Xil presentarán as súas obras o 2 de febreiro
O Museo da Limia reabrirá as súas portas o vindeiro sábado, día 2 de febreiro, ás 18,30, logo de permanecer pechado durante o mes de xaneiro por tarefas de mellora e mantemento. Para volver á actividade, o Padroado do Museo organizou as xornadas "A palabra e o son" na que os escritores limiaos Sheila Fernández Conde e Xabier Xil Xardón presentarán as súas obras, no espazo adicado á biblioteca, de xeito conxunto e coa música e recital de Leo i Arremecághona.
"Detéxtonos" será o libro de poesía que amosará Xabier Xil (Morgade, Xinzo, 1983); e "Agora entramos nós", a peza literaria de Sheila Fernández (Xinzo, 1983), aínda que neste último caso trátase dun ensaio coeditado entre o Consorcio de Santiago, a Xunta e a Universidade de Santiago.
Ambos estarán moderados polo artista Leo i Arremecaghona. "Sempre tivo moito interese pola canción de autor e, ademáis, leva toda esta tempada acompañando o poemario de Xabier", apunta André Taboada, vicepresidente do Padroado. "Será o primeiro evento formal da biblioteca da Limia dende a súa creación", engade.