TRADICIONES

O Museo do Entroido tivo 2.000 visitas en 5 meses

Os responsables do centro queren potenciar o seu carácter didáctico

A nova etapa do Museo Galego do Entroido deixou preto de 2.000 visitas á entidade e un importante posicionamento da mostra a nivel autonómico. Así o recolle unha memoria de actividades realizada polos técnicos deste espazo que se está a converter nun punto de obrigada visita na comarca da Limia.  

Despois dun periodo no que a institución permaneceu pechada  ao público, os novos encargados do Museo dende o mes de novembro, Iván Prado e Carlos Martinez, traballan a diario para transformar esta mostra nun referente do Entroido e das tradicións galegas.  

A tarefa principal nestes meses foi a actualización do catálogo das pezas que compoñen a colección, algunhas das cales donáronse nesta nova etapa, como foi o caso do Loro Ravachol de Pontevedra ou o Cigarrón de Verín. Por outra banda, os técnicos están levando a cabo unha labor de investigación exhaustiva co obxectivo de acadar un discurso museográfico máis elaborado. "Queremos que o Museo non sexa soamente unha mostra sen mais, senón que se convirta nun espazo para a investigación e o estudo dos ritos e tradicións que compoñen o Entroido e a cultura galega", sinala Iván Prado, o coordinador do espazo. 

Outras das novidades que ofrecerá o Museo nos vindeiros meses será a posta en marcha dunha nova páxina web e a instalación dunha  aplicación interactiva no interior da sala co obxectivo de que as visitas sexan "máis dinámicas e didácticas", explica Prado. 

O coordinador do Museo destaca especialmente " a tendencia crecente das visitas dende o mes de novembro", sendo o mes máis forte o mes de febreiro, no que preto de un milleiro de persoas visitaron a entidade. "A labor de promoción foi moi importante neste tempo, agora o Museo non é descoñecido senón que ten peso a nivel autonómico e, incluso, nacional", engade. 

Te puede interesar