Sandiás e Xinzo únense a prol do o emprego e da Vía da Prata

undefined
photo_camera Felipe Traveso e Elvira Lama no entorno ubicado ao carón do río Limia que se pretende rehabilitar.
Os rexedores dos dous municipios solicitaron unha subvención de 277.556 euros para a posta en marcha dun obradoiro. 

Os rexedores de Xinzo de Limia e Sandiás, Elvira Lama e Felipe Traveso, respectivamente, elaboraron un proxecto integrado por distintas actuacións para revalorizar a Vía da Prata ao seu paso por ambas localidades mediante distintas intervencións. Para esta finalidade, os dous representantes locais solicitaron a cooperación da Consellería de Emprego e Igualdade na liña de subvencionar, con 277.556 euros, un obradoiro de emprego de 16 alumnos que lles permita cumprir, nun periodo de nove meses, os seus obxectivos. 

Repartidos en dúas áreas de albanelería e xardinería -con oito alumnos en cada unha- os traballos consistirán, principalmente, na mellora da pavimentación e accesibilidade no Camiño de Santiago e na rehabilitación dunha área degradada á beira do río Limia, ao lado do parque da Seara e a estrada de Baltar, coa finalidade de convertela en parque urbano. En Sandiás procurarase a adaptación das beiras do Camiño. 

No que atinxe ás obras proxectadas para Xinzo, estas abarcarán o arranxo da pavimentación coa substitución de lousas do parque do Pombal; a mellora das beirarrúas para facilitar a accesibilidade na rúa Ruta da Vía da Prata; o mantemento do xardín de flores no parque do Pombal e a plantación de árbores nas beirarrúas da rúa Rosalía de Castro. Ademais, plantéxase a realización e mantemento do xardín de flores no parque do Pombal, determinando o estado sanitario das plantas aplicando métodos de control sanitarios.

No espazo ubicado ao carón do río Limia, que nos últimos anos estaba a ser empregado como escombreira, quérese acondicionar unha zona de esparexemento para os peregrinos cunha bancada e un xardín. Un entorno, en definitiva, que se conciba como punto de partida ou reunión dos peregrinos que participen no percorrido. 

No tocante a Sandiás, os traballos consistirán, básicamente, na mellora do ornato público, adecuación das beirarrúas e labores de desbroce, poda e limpeza para adaptar as beiras do Camiño. A previsión é que se realicen traballos nos lugares de Vilariño das Poldras, Couso de Limia, Sandiás e Piñeira. Nos tramos do Camiño entre núcleos de poboación preténdese unha intervención forestal e de xardinería para a mellora do tráfico de peóns.

Segundo informaron dende o Concello de Xinzo, estes traballos de rehabilitación están sometidos á autorización previa da Confederación Hidrográfica Miño Sil e nas dúas actuacións será necesario o pertinente informe e a autorización previa da Dirección Xeral de Patrimonio, por ser Camiño de Compostela.

Te puede interesar