ENTROIDO 2017

Trasmiras celebrará o sábado día 25 a súa Festa do Entroido

Na pasada edición achegáronse ata o Entroido de Trasmiras ao redor de 300 persoas

Un ano máis o concello de Trasmiras, situado no medio do Triángulo Máxico, celebrará a súa propia Festa de Entroido. Dende hai máis de oito anos, este pobo da comarca da Limia ven celebrando unha xornada festiva na que non faltan os tradicionais desfiles de comparsas , as carrozas, a música e o ambiente festivo.

O Concello escolleu o vindeiro día 25 de febreiro para a conmemoración do seu Entroido. "Decidimos que fose o sábado pola tarde para non entorpecer os plans dos veciños que se queiran achegar ás festas máis populares da comarca o domingo", explica Emilio Pazos, alcalde de Trasmiras.

A xornada comezará pasadas as 16.00 horas da tarde. Haberá un pequeno desfile, aberto a todos os que queiran participar, que partirá dende a Casa do Concello, percorrerá a rúa Otero Pedrayo ata o cruce da capela, e rematará no pavillón municipal. "O ano pasado tivemos tres carrozas e varias comparsas que viñeron doutros pobos como o de Sarreaus", destaca o rexidor local. "É unha festa moi nosa, pero con moita participación", engade. 

O pasarrúas estará amenizado por música tradicional e charangas procedentes da Escola de Música de Trasmiras, que conta con máis de 80 alumnos. No pavillón municipal haberá unha degustación de productos típicos do Entroido, como a cachucha ou o lacón, para todos aqueles que se animen a participar de xeito activo na festa. 

Na pasada edición achegáronse ata o Entroido de Trasmiras ao redor de 300 persoas. 

Te puede interesar