Allariz convoca un certame de relato curto

O xurado estará integrado por filólogos, escritores, editores, profesores e membros do concello alaricano 

Para conmemorar o Día das Letras Galegas promocionando as creacións literarias no idioma galego, o Concello de Allariz vén de convocar o seu primeiro Certame de Relato Curto para afeccionados. 

Esta primeira edición do certame contará con tres categorías repartidas por idades dos participantes: a primeira irá ata os 11 anos, a segunda de 12 a 17 anos e, a terceira, de 18 anos en adiante. Cada categoría terá tres premios que, segundo informaron dende o Concello alaricano, serán vales de 100, 70 e 50 euros -primeiro, segundo e terceiro premio, respectivamente- para gastar no comercio local de Allariz. 

Os relatos presentados terán que ser inéditos, e poderán ser de temática libre e escritos sempre en galego. A extensión da creación literaria deberá superar as 200 palabras pero non as 300 e, unha vez rematada, terá que remitirse ao enderezo [email protected]

O prazo de envío dos textos finalizará o vindeiro día 12 de maio de 2021 ás 14,00 horas e, posteriormente, o fallo do xurado -o cal estará integrado por folólogos, escritores, editores, profesores e representantes do Concello- darase a coñecer o 17 de maio tanto en Facebook como nas canles de comunicación do propio Concello de Allariz.

Te puede interesar