Ana Barxa: “Rosalía perdurará e temos que facer o posible para que o galego tamén"

undefined
photo_camera Ana Barxa fronte á parcela adicada a Rosalía de Castro no festival. (Miguel Ángel).
Ana Barxa Cid, Jonathan Carreira e Sara del Río Seoane son os tres galegos que participan con "O camiño cara a emigración de Rosalía" na XI edición do Festival Internacional de Xardíns de Allariz. Ana Barxa, natural da vila alaricana, é a representación ourensana neste festival. A súa parcela inaugurouse horas antes da conmemoración do Día das Letras e nela pódese escoitar, na voz de Amancio Prada, o "Adeus ríos, adeus fontes", un dos poemas máis recoñecidos  de Rosalía de Castro e incluído en Cantares Gallegos, publicado un 17 de maio de 1963 -efeméride escollida para celebrar, cada ano, o día da lingua galega-. 

Primeira vez que participou cos seus compañeiros neste festival e foron escollidos, ¿Que supón ser a representación galega?

É un orgullo para nós. Podíamos non ter sido seleccionados. Representar a Galicia neste caso e, sobre todo, a Rosalía de Castro, a nosa gran poetisa, supón moito para nós. 

Como xurdiu a idea de presentarvos ao festival?

Pareceunos que, esta nova edición, tiña unha temática moi interesante: a poesía. Temos, ademais, amigos que se presentaron ao festival noutros anos e tiveron a sorte de ter o seu xardín. Miña nai insistiume moito, díxome "Este ano, que o festival vai sobre a poesía, ¿por que non lle facedes un xardín a Rosalía de Castro?" E de aí xurdiu un pouco a idea. Comenteillo aos meus amigos para levala a cabo e pensar un pouco no proxecto que queriamos presentar. 

E sobre o concepto, ¿Que queren  transmitirlle ao espectador?

Escollemos o poema de "Adeus ríos, adeus fontes" co obxectivo de homenaxear á emigración que, por desgraza, houbo moita no pasado, pero tamén está afectando á xente moza nestes tempos. Gustaríanos que o visitante poida sentir como era a marcha da propia terra e a chegada ao destino. A parcela parte da nosa terra e vai percorrendo as fontes, a nosa horta, a figueiriña... A través dos versos do poema. Queriamos simular o cheo da nosa terra, e o baleiro que che produce ó marchar. Cando pasas a igrexa atópaste un embarcadoiro e non hai nada máis, sentes o baleiro que hai detrás. Hai unha imaxe de La Habana e unhas pegadas no chan representando o camiño de retorno á túa terra, que é a onde che gustaría voltar. 

Que materiais empregaron?

Utilizamos, sobre todo, a madeira para a estrutura central, que é o que separa o cheo da terra do baleiro da marcha. A madeira é un material tamén moi noso. Tamén hai espellos e unha espectacular fonte de pedra, tallada por un canteiro de aquí. Estamos moi agradecidos porque o noso proxecto executouse tal cual. Para nós o gran premio é que o xardín estea executado. 

Por que escolleron a Rosalía?

Poderiamos escoller a moitas poetisas galegas: dende Iolanda Castaño, a Celia Parra. Todas elas teñen un valor incríble para nós, pero Rosalía está moi identificada coa nosa cultura. Teño claro que perdurará ao longo dos anos, e temos que facer todo o posible para que a nosa lingua, o galego, tamén o faga. Desto tamén se encarga o Festival de Xardíns e o Concello de Allariz todos os días. Eu tamén tiven a sorte de estudar en Xinzo  de Limia e sempre tiven mestres que me ensinaron o galego. É a miña lingua.

Te puede interesar