PROVINCIA

Os Bolechas levan a Maceda a súa guía sobre as mascotas

photo_camera Cativos e autoridades, ao fondo, disfrutan do espectáculo que ofreceron Os Bolechas.

Presentaron, xunto ca conselleira de Medio Ambiente, aos escolares a obra "Sultán non ten microchip"

Os populares persoeiros dos Bolechas, acompañados nesta ocasión pola conselleira de Medio Ambiente, Ethel Vázquez, presentaron onte en Celanova unha nova guía, titulada "Sultán non ten microchip", e unha web específica, que servirán para explicarlle aos máis cativos como e por que debemos identificar o noso can co microchip, ademáis de incidir na necesidade de coidar e respectar os animais.

Esta campaña está promovida pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras e presentouse onte pola mañá no CEIP de Maceda, ata onde se achegou a conselleira Ethel Vázquez, para repartir algúns dos sete mil exemplares editados deste conto e a coñecer Os Bolechas, que fixeron as delicias dos nenos e nenas do Concello.

Ethel Vázquez sinalou que con esta campaña trátase de difundir a menxase aos máis cativos, especialmente neste momento no que está a piques de comezar a tempada estival, un periodo no que se rexistra un maior número de extravíos e abandono de mascotas. "E a mellor forma de facelo -dixo- é dun xeito divertido, a través de personaxes moi próximas aos máis pequenos como son Os Bolechas.

Esta iniciativa enmárcase dentro das campañas e actividades de divulgación postas en marcha desde a Consellería de Medio Ambiente para afianzar os valores de respecto polos animais nas xeracións futuras, concienciando aos máis novos sobre a necesidade dunha tenza responsable que evite casos de abandono ou maltrato animal.


Unha web específica

Ademáis da difusión do conto "Sultán non ten microchip", a campaña inclúe unha páxina web específica, www.osbolechas.com/sultan, na que os rapaces poderán coñecer máis sobre este tema a través de xogos, así como outras actividades que teñen Os Bolechas como protagonistas.

Na web tamén se pode ler ou descargar o conto e acceder a unha unidade didáctica para que os pais e educadores poidan traballar esta cuestión cos máis pequenos. Deste xeito, trátase de achegar a toda a sociedade, a través dos mais novos, a necesidade de identificar os cans co microchip e como ten que facerse para garantir seguridade e protección aos nosos animais.

Te puede interesar