“En cueros”, de Rioja, xa se pode visitar en Allariz

undefined
photo_camera O artífice da mostra, Luis Rioja González
Durante todo o percorrido por “En cueros” pódense ver obras que apostan por un maior clasicismo e outras que están impregnadas dunha maior carga experimental dende o punto de vista formal e técnico.

A exposición “En cueros”, do artesán Luis Rioja González, poderá visitarse no Museo do Coiro de Allariz -que no seu día foi a Fábrica de Curtidos da familia Nogueiras- ata o vindeiro 26 de setembro. Nesta mostra, que fai unha homenaxe ao espazo no que se atopa e que un día fixo da vila de Allariz un importante referente relacionado co curtido de peles, o seu artífice realiza unha experimentación con este material co obxectivo de  amosar unha obra ecléctica, con diversidade de formatos, técnicas e procesos. 

Durante todo o percorrido por “En cueros” pódense ver obras que apostan por un maior clasicismo e outras que están impregnadas dunha maior carga experimental dende o punto de vista formal e técnico. Outras das propostas son de gran formato e mesturan a técnica da pintura, e tamén a da escultura. 

A escultura en coiro é un elemento que conta cunha especial relevancia dentro das creacións elaboradas polo artesán. A técnica e o formato de execución son, do mesmo xeito, aspectos variables en algunhas das pezas escultóricas da exposición. Ademais, a exhibición conta tamén con diversas propostas de complementos onde o bolso é o principal protagonista.

Os visitantes que decidan achegarse a esta exposición, atoparánse cunha representación das posibilidades das que goza o coiro dentro da experimentación artística, máis alá das técnicas e uso tradicionais.

Te puede interesar