Os escolares coñeceron a historia da Festa do Boi

ROTEIRO TEATRALIZADO FESTA DO BOI LUNS CEIP PADRE FEIJÓO ALLARIZ (8)
photo_camera O roteiro teatralizado fixo parada fronte á Igrexa de Santo Estevo de Allariz.
Participaron este luns nun roteiro teatralizado que continuará este xoves

Unha nova edición da Festa do Boi comezará este fin de semana en Allariz e, para quentar motores, a Asociación Xan de Arzúa, en colaboración coa Concellería de Cultura -e a cooperación do colexio Padre Feijóo-, ten organizadas varias actividades esta semana dirixidas aos máis cativos. 

A primeira delas tivo lugar hoxe luns e consistiu nun roteiro teatralizado sobre a Festa do Boi que discorreu por varios espazos do casco antigo da vila e no que participou alumnado de Primaria do colexio Padre Feijóo. A Asociación Silvardeiras da vila alaricana colaborou tamén con esta iniciativa, que se repetirá o xoves. 

Por outro lado, para mañá martes está programado un obradoiro e charla da man de Juan Antonio Seara. Nesta iniciativa  falarase sobre o libro “O corpus cristi en Allariz”, que foi publicado este ano e escrito por Juan. 

O venres será a quenda dos rapaces de sexto de Primaria. Os menores participarán dun obradoiro no que se abordará a figura dos homes do sedeño e da aguillada e realizarán, do mesmo xeito, unha casaca para ser homes e mulleres do sedeño durante as Saídas do Boi Infantil, coidando do mesmo. 

Dende a Asociación Cultural Xan de Arzúa de Allariz recordan que levan “máis de 35 anos traballando por conservar a memoria histórica da Festa do Boi”: a orixe medieval da mesma, de como vivían e se relacionaban as persoas naquela época e como xurdiu a festa máis popular da vila alaricana. 

Durante os nove días que durará a celebración -do 11 ao 19 deste mes de xuño-  varias actividades terán como protagonistas a eses gremios que tan importantes eran no 1317, e tan importantes son no 2022.

Te puede interesar