O Festival de Xardíns de Allariz recibiu xa a 25.000 persoas

FESTIVAL INTERNACIONAL DE XARDÍNS DE ALLARIZ (6)
photo_camera Un dos espazos creados dentro de Xardíns da Poesía este 2021.
Ata o vindeiro 31 de novembro estará aberto o prazo para presentar as propostas para o ano 2022 baixo o título “Xardíns terapéuticos, deseños que curan”.

O Festival Internacional de Xardíns de Allariz superou, dende maio, a barreira dos 25.000 visitantes e prepara novas actividades para dinamizar aínda máis este espazo antes de que remate a presente edición, dentro de dous meses. 

Este evento, que constitúe un dos principais reclamos turísticos da vila alaricana e cada ano consolídase como un referente tanto para público especializado e profesionais do sector, como para as persoas visitantes que se achegan a ver os xardíns dedicados este ano a poesía;  estivo ao longo destes meses máis vivo  ca nunca e foi  escenario de tres recitais poéticos durante o periodo estival. Esta iniciativa pretendeu achegar á cidadanía este xénero literario nun marco incomparable e por medio do contacto coa natureza.

NOVOS EVENTOS

A poesía volverá aos xardíns alaricanos o vindeiro día 2 de Outubro. Será coa oitava edición do Poemagosto -Festival Internacional de Poesía de Allariz- que contará coa participación de importantes figuras dentro da poesía galega e internacional como por exemplo Manuel Rivas, Helena Villar Janeiro, Xesús Rábade Paredes, Lorena Conde, Samuel F. Pimenta ou Itisha Giri e Zahra El Hasnaui.

Precisamente, este mesmo escenario acolleu este verán unha actuación da Orquestra Sinfónica de Galicia e tamén á agrupación Teatro en Vilo, que presentou a súa obra “Hoy puede ser mi gran noche”. Durante o periodo estival tamén se levaron a cabo no espazo do festival concertos especiais, como o que ofreceu a banda Tandub Ou, ademais doutras moitas actividades.

A edición da Poesía pechará as súas portas o próximo día 31 de outubro. Será nese intre cando comece xa a prepararse a edición do vindeiro ano 2022.  Neste senso, ata  o día 30 de novembro deste mesmo ano permanecerá aberto o prazo para presentar os deseños da vindeira convocatoria baixo o titulo de “Xardíns terapéuticos, deseños que curan”.

Te puede interesar