A II Escola Sexolóxica de Allariz será en agosto

"Este traballo, en vista do aumento da homofofia, o retraso das liberdades e o incremento da intolerancia, é máis necesario que nunca”, di a concelleira de Benestar Social de Allariz. 

Favorecer a convivencia entre os sexos, comprender a mirada sexolóxica dirixida ás novas identidades, cultivar formas de encontro e coñecer recursos e vías para o acompañamento son os principais obxectivos da segunda edición da Escola Sexolóxica de Allariz que este ano terá lugar no edificio de Servizos Sociais do 26 ao 28 de agosto. Trátase dun paso máis logo da posta en marcha da Plataforma para a Convivencia posta en marcha no último ano e das diferentes charlas sobre a materia que recentemente se impartiron a preto de 200 rapaces e rapazas da vila alaricana. 

A Escola Sexolóxica de Allariz, que se desenvolverá conxuntamente entre o Concello e o Instituto de Ciencias de la Sexología -a administración local mantén co Incisex un convenio de colaboración dende hai tres anos-, incluirá diversas actividades como relatorios, mesas sobre experiencias, obradoiros de serigrafía e gravado, ou faladoiros. Neste senso, as xornadas contarán coa presenza, entre outros, dos sexólogos Almudena Herranz, Samuel Díaz, María Morales, Iñaki Goñi ou Patricia Pérez. 

A concelleira de Benestar Social do Concello de Allariz, Maribel Poisa; a técnica de Igualdade, Ana Pérez Cardoso e a educadora familiar Uxía Fernández Cordeiro presentaron esta nova entrega da escola que contará con prazas limitadas -30- adxudicándose cada unha por orde de inscrición -o prezo será de 40 euros e as inscricións poderán formalizarse a través do teléfono 988 55 40 59 ou mendiante o enderezo electrónico [email protected]-. “A Escola para este Concello é unha forte aposta e reforza o traballo que facemos día a día durante os 365 días do ano a prol da convivencia, a igualdade e a liberdade”, explicou a concelleira de Benestar Social, Maribel Poisa. “Este traballo, en vista do aumento da homofofia, o retraso das liberdades e o incremento da intolerancia, é máis necesario que nunca”, engadiu. 

Pola súa banda, Ana Pérez, calificou coma “un luxo” o feito de que, por primeira vez, se poña a disposición da xente “o modelo de intervención en identidades que se leva a cabo dende o Instituto de Sexoloxía Incisex. Levan moito tempo investigando”. Pérez asegurou que “é preciso, máis que nunca, traballar dende o coñecemento”.

Te puede interesar