O "Masqui" de Allariz, de pescador no Arnoia a científico

ALLARIZ 16/09/2022.- Premio Vila de Allariz al catedrático de Química José Luis Mascareñas. José Paz
photo_camera Amigos e compañeiros do colexio abrazan ao científico alaricano no acto do Fogar dos Maiores. (José Paz)
José Luis Mascareñas, director do Centro de Investigación de Química Biolóxica e Materias Moleculares e, sobre todo, alaricano orgulloso; recibiu o cariño dos seus veciños e o premio Vila de Vida.

José Luis Mascareñas Cid (Allariz, 1961) é unha desas persoas que, coa súa curiosidade e interese por aprender, fan patria na ciencia e, coa súa humildade, patria no seu pobo. Con Allariz por bandeira e o río Arnoia no corazón, Mascareñas acadou a Catédra en Química na Universidade de Santiago, realizou investigacións na Universidade de Standford e dirixe, dende o 2014, o Centro de Investigación de Química Biolóxica e Materias Moleculares e a un equipo de 200 persoas. 

Onte foi o momento no que os veciños de Allariz puideron demostrarlle a un emocionado José Luis que o orgullo era mutuo. No Salón de Actos do Fogar dos Maiores, onde se lle fixo entrega do premio “Vila de Vida”; non faltou a familia, os compañeiros “do oitavo” de EXB e os amigos de hai máis de 50 anos. “Noraboa pola cantidade de premios acadados. Vivimos eses logros coma se fosen nosos e presumimos a cotío da túa amizade”, manifestáballe ao científico unha das súas compañeiras de colexio, onde era coñecido cariñosamente como “o Masqui”. 

Nun vídeo proxectado no acto, foron os propios veciños, a súa muller Belén Pazos, exalumnas de doutoramento, a súa tía, Dolores Mascareñas ou José Ramón, o seu mestre na EXB, os que se encargaron de facer o retrato dun home “humilde” e de grande “calidade humana” que foi quen, en palabras da alcaldesa, Cristina Cid, de desmentir e desmitificar a imaxe dos científicos ensimismados co traballo que deixan de lado aos seres queridos. E é que tal e como aseguraban os seus compañeiros: “Nos momentos importantes José Luis sabe decidir cales son as prioridades: Estar ao carón da súa familia”. 

Na tarde de onte houbo, ademais de anécdotas, risas, aplausos e abrazos; música en directo con Soul and Roll, que agasallou ao científico coas súas cancións favoritas: “El sitio de mi recreo” e “Negra sombra”. Pero houbo máis regalos: Un cuadro do río Arnoia, pintado por  Xabier Varela; e un kit de pesca, unha actividade que, dende que era pequeno, despertou a curiosidade e a paixón pola ciencia en Mascareñas. 

A rexedora alaricana, Cristina Cid, asegurou que, ademáis de destacar a traxectoria profesional do seu veciño, o acto de onte tiña como principal obxectivo recoñecer “a súa cercanía e orgullo por Allariz”. Mascareñas, que recoñeceu que continúa “moi motivado para facer ciencia”, recibiu a homenaxe como unha encomenda: “Síntome emocionado e agradecido”, confesou. “Levarei con enorme orgullo e responsabilidade esta distinción”, concluiu.

Te puede interesar