Monchiño de Magarelos: Xigante en altura e corazón

IMG-20211016-WA0005
photo_camera Xabier Domínguez e Miguel Anxo Alonso Diz cun exemplar do libro no pobo de Monchiño.

No 1997, Delfín Caseiro recollía na Revista Raigame a historia de Monchiño de Magarelos, un ser excepcional de 2,40 metros de altura, que saiu adiante nun periodo de pobreza extrema. Agora, O Xigante de Allariz pretende achegar a historia aos cativos. 

Durante o confinamento, Esther Alonso díxolle ao seu pai, escritor e docente, que “aínda que os nosos corpos teñan que estar encerrados, as nosas mentes non teñen por qué estalo”. Aquela frase, xunto ao seu vínculo con Allariz -a súa muller é deste municipio- empurraron a Miguel Anxo Alonso a traballar con Xabier Domínguez co obxectivo de achegar aos máis pequenos a historia dun ser excepcional, xigante en altura, pero tamén en corazón. 

“En Magarelos naceu o pequeno Ramón. Chamábano Monchiño, tiña un gran corazón”, así comeza o biopoema editado por Antela Editorial -Vilar de Barrio-, ilustrado por Tania Martins e adicado a Delfín Caseiro, quen recolleu por primeira vez para a publicación Raigame da Deputación de Ourense a historia real de Ramón Fernández, nado en Magarelos de Allariz en 1916. Monchiño de Magarelos, tamén coñecido como O Xigante de Allariz, medía 2,40 metros, pesaba 150 quilos e tiña un 56 de pé, como así precisaba o propio Caseiro no ano 1997. Naceu no seo dunha familia humilde e medrou sen figura paterna, que emigrou a Cuba. Este mozo peculiar tivo que loitar para sobrevivir percorrendo todo o país por medio dun espectáculo circense, no que non tiña máis que facer de si mesmo. “Aínda hoxe non é moi habitual medir 2,40 metros, pero por aquel entón moito menos” , asegura Xabier Domínguez. “Sobre a historia de Monchiño non había nada para nenos e decidimos que este libro era unha boa idea porque, ás veces, estamos acomplexados: uns por ser moi altos, outros por ser moi baixos. Trátase de trasladarlle aos cativos que non pasa nada nin por ser unha cousa, nin por ser a outra”, engade. Dende Antela Editorial tamén pretenden dar a coñecer a historia e a cultura propias para que se valoren: “Non as amas se non as coñeces”, manifesta Domínguez. “Galicia ten moita historia e unha serie de personaxes reais e fantásticos que hai que poñer en valor. Sabemos máis doutras de lonxe que de persoas que camiñaron por estas terras”, apunta Miguel Anxo Alonso. 

Miguel Anxo e Xabier reuníronse para visitar Magarelos e tamén Rairiz de Veiga, onde aínda se conserva un zapato do Monchiño. Por aquel entón, era habitual escoitar que “o zapato do Monchiño parecía un berce de meniño”. Tamén en Allariz, algún establecemento hosteleiro amosa fotografías do seu xigante, que faleceu á idade de 27 anos “por problemas cardiacos”, segundo precisa Domínguez. A súa historia poderá coñecerse por medio da poesía en 10 días, cando chegue a todas as librerías.

Te puede interesar