A confitería Luisa de Allariz: un século de amendoados

Luisa Seara coa súa filla, María Jesús Plaza, facendo os afamados amendoados.
photo_camera Luisa Seara coa súa filla, María Jesús Plaza, facendo os afamados amendoados.
A confitería Luisa leva máis de 100 anos facendo os seus famosos amendoados na vila de Allariz. Luisa Seara, de 95 anos, colleu as rendas do negocio da súa nai e despois foi a súa filla, María Jesús Plaza, quen continuou coa tradición familiar

A confitería Luisa leva máis de 100 anos facendo os seus famosos amendoados na vila de Allariz. Luisa Seara, de 95 anos, colleu as rendas do negocio da súa nai e despois foi a súa filla, María Jesús Plaza, quen continúa coa famosa tradición familiar.

Todo o mundo que vai a Allariz non quere quedar sen probar os amendoados nin a tarta de améndoas que elaboran de maneira totalmente artesá. “Dende o ano 1914 levamos funcionando nisto”, comenta María Jesús. Despois desta etapa, ten claro que xa ninguén o vai herdar porque “non  hai sucesión”.

Os fornos deste establecemento levan encendidos máis dun século. A rutina do día a día comeza ás seis da mañá na confitería Luisa e póñense a preparar os famosos amendoados que consisten en “pelar a améndoa, molela, secala e preparala para metela no forno”. A receita dos famosos amendoados, cóntanos María Jesús, leva de ingredientes “améndoa, clara de ovo e azúcar”. A maiores, os fin de semana tamén preparan pasteis.

Luisa lembra que a súa nai, que comezou vendendo os amendoados en festas e feiras da vila alaricana e arredores, aprendeu, como moitos outros reposteiros alaricanos, a elaborar a receita grazas ás monxas.

Un negocio que según María Jesús Plaza “é moi escravo”. María Jesús estima nunha trintena as bandexas diarias de amendoados que enforna, unha cifra que se incrementa as fins de semana, cando os turistas chegan a Allariz.

Antigamente, “só vendiamos amendoados, a tarta de améndoas e follados” e agora venden “moitas máis cousas”. Tamén o número de clientes foi a mellor, “máis xente vén o pobo e máis xente vén a mercar, sobre todo o produto estrela, que son os amendoados”, comenta María Jesús.

Con 54 anos, María Jesús Plaza está convencida que vai seguir traballando ata a súa xubilación e despois xa se verá o que pasa co seu negocio. En cambio, a súa nai, Luisa, non pode despegarse do seu traballo, xa que para ela é “un pasatempo, ela prefire isto que a estar no sofá vendo a televisión, porque se lle pasa o tempo máis rápido”, comenta María Jesús Plaza.

Te puede interesar