ALLARIZ

A vila honrará a San Bieito cunha gran verbena galega

allariz_result
photo_camera Xigantes e cabezudos, unha das grandes atraccións das festas.

As festas patronais inclúen procesión, xigantes e cabezudos, música, teatro e fogos de artificio

O 11 de xullo é o día de San Bieito, patrón de Allariz. Para festexalo, a vila celebrará tres días de festa esta fin de semana que terán como principal reclamo a "Verbena Galega", un espectáculo que inclúe cinco horas de música e baile sen parar osábado, a partir das 22 horas no campo da festa. Os grupos Coanhadeira, O Sonoro Maxín e o pinchadiscos Superbombo ofrecerán unha revisión das tradicionais verbenas das festas populares. "É unha aposta por algo máis noso", segundo explica a concelleira de Cultura, Teresa Devesa.

Mentres os membros de Coanhadeira serán quen se encarguen do son máis tradicional, O Sonoro Maxín subirá a festa ó escenario coa súa "Galicia Tropical" amenizados polos cómicos Fran Rei e Pedro Brandariz.

O obxectivo principal das celebracións será "equilibrar as actividades para que tódolos veciños teñan algo do seu gusto". Con todo, o tradicional será o que mande e iso é o desfile de xigantes e cabezudos, algo que gusta "a grandes e pequenos".Dende a Praza Maior partirán ó mediodía do sábado acompañados polo grupo de gaitas "De pé feito".Se ben é a Festa do Boi quen gana en repercusión mediática, Teresa Devesa lembra que as festas do San Bieito "seguen a tradición" e contan cun amplo seguemento na vila.

A procesión relixiosa, espectáculos teatrais e os clásicos fogos de artificio súmanse a un cartel pensado para tódalas idades.

Te puede interesar