O debate sobre o polígono comarcal chega ó Parlamento

A posta en marcha dun parque empresarial comarcal enfrentou a derradeira semana a socialistas e populares. Na súa intervención na Comisión Sexta do Parlamento, o portavoz de Obras Públicas do Grupo Socialista, Pablo López Vidal, presentou unha iniciativa rexeitada polo PP na que reclamaba ao Goberno de Feijóo a execución dun polígono para paliar a ausencia de solo industrial e así poder frear a desertización.
O portavoz socialista lembrou que na pasada lexislatura encargouse un proxecto para procurar o mellor emprazamento para a superficie industrial, 'pero está agochado nalgún caixón da Administración autonómica'. López Vidal defendeu a necesidade de contar cunha superficie empresarial que dende fai tempo reclámase dende tódolos ámbitos sociais, 'para crear emprego e asentar poboación', resumiu.

A deputada do Grupo Popular Cristina Romero subliñou que o Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia elaborado pola Xunta inclúe, entre as súas propostas de futuro, un parque empresarial de 200.000 metros cadrados na Baixa Limia, 'que se levará adiante no momento que exista demanda real, co obxectivo de axustar a oferta de solo ás necesidades reais'.

Neste sentido, apuntou que o Instituto Galego da Vivenda e Solo está traballando na posta en marcha dun rexistro de demandantes de solo empresarial de Galicia, 'que permitirá dispor de información sobre a demanda real e priorizar as actuacións garantindo que todas as empresas que necesiten solo industrial dispoñan do mesmo'.

Te puede interesar