CELSO EMILIO FERREIRO

Hai cen anos que naceu en Celanova Celso Emilio Ferreiro, poeta social de gran repercusión en Galicia.
Durante a Guerra Civil estivo encarcerado no mosteiro de Celanova, pendente dunha condena a morte, que afortunadamente non chegou a executarse. Froito desa experiencia escribiría o seu sonado poema: 'Longa noite de pedra', que da título a un libro de poesía e a unha metáfora, coa que se referiría bastante xente aos corenta anos de franquismo. Incluído nese mesmo libro hai outro poema moi coñecido, no que defende a fala dos devanceiros. Titúlase: 'Deitado frente ao mar', tamén de gran forza expresiva, demoledor e fermoso, que comeza así: 'Lingoa proletaria do meu pobo, / eu fáloa porque si, porque me gosta, / porque me peta e quero e dame a gaña / porque me sai de dentro, alá do fondo/ dunha tristura áceda que me abrangue/ (...)'. En verdade que paga a pena lelo enteiro. Pode parecer algo agresivo, pero é que Celso Emilio Ferreiro foi un escritor moi comprometido con Galicia e coas clases populares, ás que sempre procurou dignificar. Participou na fundación da UPG. -xunto con Méndez Ferrín e outros-, aínda que acabou no PSOE. En 1989 adicouselle o Día das Letras Galegas.

Neste ano no que se celebra o centenario do seu nacimento, é un bo momento para ler algo seu, pois deixounos unha gran obra literaria, que moitos non coñecen e outros só coñecemos en parte. 'Nós queríamos libremente / comer o pan de cada día. Libremente / mordelo, masticalo, dixerilo sin medo'.

Te puede interesar
Más en Cartas al director