feliz navidad

Compartín mesa e mantel cun amigo que abrangue todo ese abano de posibilidades que unha amizade achega. Foi unha noite emotiva e acendida. De sentires que case sempre descoidas. Pero que están aí. Que cando chega a ocasión e ese alguén, asoman. Falamos e debullamos. E posuídos por este espírito de luces e cores, viaxamos a aquel tempo pretérito de inocencia e ilusión.
Compartir emocións con quen sabes que ten o teu mesmo pálpito é doado. Cando non un privilexio. Alí estaba aquel frío perenne. Con algún que outro amencer de manto branco. A sorpresa e o misterio. O abrigo necesario e a complicidade sincera. Alí estaba todo. Absolutamente. Mais as fochas que o tempo provoca no camiño foron por si soas esgazando eses recordos. Abracei o meu amigo. Forte. Moi forte. Con todas as miñas forzas. Creo que nunca me souben tan capaz nin tan forte.

Cando unha gargallada na mesa do lado alterou a nosa viaxe a aquel tempo agora remoto, de pronto decatámonos da ledicia que enchoupaba o ambiente. Todo estaba como posuído por unha airexa que te obrigaba a amosarte venturoso, fausto, vital. O illamente que nos asolagou chegou de súpeto.

Non fomos quen de entender o lugar que a mentira ocupa nos aconteceres de todos nós. Esa mentira que, cando se rebela contra ti, xa non hai maneira de desfacerte dela. Creo, ademais, que nin o mellor agasallo nin as máis lucidas luces que nos inoculan estes días serán capaces de aliviar o fastío desta galopante decadencia que nos envolve.

Te puede interesar
Más en Cartas al director