INCOMPETENCIAS NO COMPLEXO HOSPITALARIO

Como usuario da Sanidade Ourensá, e logo de informarme sobre diversos aspectos de como funciona o noso Complexo Hospitalario, véxome na obriga como cidadán de poñer de manifesto, segundo o meu punto de vista, de toda unha serie de incompetencias que se estan dando neste organismo. Raro é o día no que a xerente de ilustre apelido non aparece na prensa presentando algunha mellora do hospital, ou presumindo desa tan cacareada reforma que veu presentar a Ourense o seu curmán e a vez presidente da Xunta, se cadra tentando con todo esto tapar toda unha serie de desastres de funcionamento interno do hospital.
Un servizo de cita previa tercermundista, con dous puntos de cita, un na Residencia e outro no Hospital, onde un cidadán se pode tirar tres horas esperando turno para finalmente entregar un papeliño e que che digan que xa te chamarán por telefóno para citarte. Por qué esto non sucede noutros hospitais de Galicia, poño por caso Santiago, onde hai mais puntos de citación repartidos polo hospital e como moito estás na cola dez minutos e saes coa cita na man.

Algo falla, porque digo eu que o programa informático das citas debe de ser o mesmo, as persoas que traballan na ventanilla deben de ser tan útiles e áxiles como as de Santiago ou as de Lugo. Enton, que falla, pois? Polo que se observa claramente, unha vez máis fallan os encargados de organizar os servizos e desenvolver os programas, aínda que ó cidadán nos pareza que a culpa é do que está na ventanilla, cando en realidade non deixa de ser unha víctima máis do desastre organizativo.

Por qué as primeiras citas non se piden dende os centros de saúde, cando en case todos hai persoal administrativo, no canto de enviar a cita vía fax ó servizo de citación para que logo te avisen por teléfono, coa cantidade de erros que esto provoca? Por qué non se tende a facer puntos de citación para varios servizos por zonas do hospital, no canto de concentrar todo a citación nun punto, con todo o que eso conleva? (exemplo do C.H.U.S. de Santiago). E, sobor de todo, por qué non se traballa de verdade co programa informático do que dispoñen no canto de seguir con fax, fotocopias, cita telefónica..? Estamos na era da informática. e ademáis canto aforrarían en papel, en teléfono, en tempo e en cabreos!

Se cadra, a señora xerente e algúns xefes de servizo deberían cursar visita a Santiago ou a Lugo e ver como traballan e como organizan alí os servizos, e como aproveitan o programa informático. E cando o tiveran claro, tamén o poderían presentar a prensa como un gran logro. Sería un ben para a sanidade ourensá, e para a saúde de pacientes e traballadores do Complexo.

Te puede interesar
Más en Cartas al director