LEMBRANDO AO 'LOCHO PULPEIRO' NO SAN ANTÓN

n n nAcércase o San Antón, Locho. Haberá que organizarse: madrugar, coller o Land Rover e ir buscar leña. E collela da que faga boa brasa. Que nos ase ben o cabrito, nos coza o 'pulpo' e nos quente ben, que ten pinta de vir a neve. E que faga moito fume.
Hai que espabilar, Locho. Temos que ir rápido. Na primeira viaxe descargar a leña e deixar a fogueira prendida, que así todos saberán que o noso sitio de sempre segue ocupado. Na segunda, cargar a caldeira, o servizo de mesa, e non esquecerse do cabrito e do pulpo. Hai que subir ao teu irmán Cheché, para que vaia pondo a auga a ferver e empece a asar. Vamos, que o tempo fainos boa falta para que o pulpo e o cabrito vaian collendo o tempero para mediodía; aos chourizos, á coiracha e aos derivados do porco, tócalle á noite.

Locho, o que é facérmonos maiores: Todos os anos, a mesma cerimonia. Pero este ano non será igual, e os que virán, tampouco. Porque nos faltarás ti para sempre. O que cortaba nos rabos do 'pulpo' e os repartía entre as xentes das fogueiras veciñas e a cantos se ían achegando a nós para botar unha leria e facer algo de boca, xa non estará connosco nunca máis. E a túa ausencia, máis que notable, será sobresaliente: Estou seguro de que incluso a imaxe do santo te botara de menos. Porque, como ela ben sabe, non son todos os que van á romaría xente de visita a capela e donativo, e ti, Locho, eras dos que non fallabas nunca.

Este ano e nos sucesivos non estarás aí, porque o San Antoniño Verdadeiro, en sinal de agradecemento pola túa colaboración permanente, terate ao seu lado para sempre, para que non deixemos nunca de sentir a túa presencia, tanto nesta romaría como en todas as que se lle celebren no futuro. Sei que, se nos estás vendo, sentado á dereita do santo ou en calquera sitio que te encontres agora, botarasnos a sentenza: 'Non se vos ocorrera faltar ao San Antón. Ide e divertídevos'.

Aí, Locho, e en moitos outros sitios nos que por costume nos reuniamos, seguirás estando presente. Seguiremos falando de ti, recordando a túa falta.

Te puede interesar
Más en Cartas al director