propostas sobre a perda de poboación

A previsión oficial do IGE de que a comarca do Ribeiro perda máis do 25% da súa poboación nos vindeiros dez anos é un dato de tal gravidade que debería mover á reflexión e á actuación a todos. Son máis sangrantes se temos en conta que o descenso de poboación se vai producir en igual ou incluso maior medida pola emigración ca polo saldo vexetativo negativo. Dende o BNG achegamos propostas para evitar que estas negras previsións se cumpran:
-Confiar na xente da nosa terra os apoios de fomento empresarial: Os proxectos dos mesías empresariais vidos de fora están a fracasar na súa maior parte. Os cartos están moito mellor investidos en apoio a autónomos e pequenas empresas locais.

- Facer que o noso aforro se invista aqui. Déselle á xente a oportunidade de depositar os seus aforros nunha banca pública que invista os seus fondos na nosa terra.

-Acabar co saqueo da nosa veciñanza. O caso das preferentes ou as multas aos pensionistas retornados están a financiar as quebras bancarias e as arcas públicas do Estado a costa de empurrar aínda máis á nosa xente cara a emigración.

-Achegar as nosas pensións ás que disfruta calquera outro cidadán, porque a pensión media na provincia de Ourense é de 627 euros, e a media española é de 858 euros. Con pensións de subsistencia non se pode axudar a unha mellora da economía.

-Aplicar unha política agraria en apoio do sector do viño. Como se pode fixar poboación no Ribeiro discriminándoa no reparto de axudas á actividade agraria?

-Completar os equipamentos básicos de benestar social. Segue pendente a construción o novo PAC de Ribadavia, non se puxo en marcha ningún centro de día (coa excepción do concello de Castrelo de Miño) ao que hai que sumar os recortes en transporte a discapacitados (065), en atención a dependentes ou en persoal docente, sanitario e de servizos sociais. As políticas públicas actuais só nos van conducir a unha dramática perda de poboación no Ribeiro, é o previsto.

Te puede interesar
Más en Cartas al director