URBANISMO DE XÉNERO

Estimado (que non estimada) W. Jones: Podemos deducir algunhas cousas do seu recente artigo 'Modernísimo (Modernísima)' publicado o día 6 de febreiro de 2012 en La Región. Primeiro, que é lector de un individuo, o señor Pérez Reverte, que promove a apoloxía do machismo en cada un dos seus escritos e ao que as 'imbécilas' (como nos denomina) recoñecemos. Segundo, que vostede non sabe nada de igualdade, nin de xénero, nin de urbanismo con perspectiva de xénero.
Por este segundo motivo decidímonos a escribir esta carta, co único obxectivo de brindar un pouco de coñecemento a alguén que como articulista de opinión debería estar mellor informado antes de darlle á tecla. Por si vostede non o sabe, dirémoslle que existe unha relación directa entre a configuración da cidade e a estrutura social das persoas que a habitan. Por exemplo, na época clásica as cidades europeas amosaban na súa estrutura urbana o sistema escravista que sostiña o Imperio Romano, do mesmo xeito que cando os españois construíron as cidades de América, deixaron a súa impronta de orde, cristianismo e poder nunhas cidades deseñadas con 'cordel e regra'. Se nos situamos no presente vostede mesmo pode comparar as cidades fractais dunha sociedade convulsa e fragmentada como a norteamericana, con outro tipo de cidades socialmente máis xustas como as dos países nórdicos.

O urbanismo de xénero non trata, como burlescamente vostede presupón, de que nun teatro haxa máis actores que actrices ou que nun posto de carne haxa máis tenreira que porco (por certo unha metáfora ben concluinte). Se vostede viaxa a Dinamarca ou Suecia verá como os parques existentes nos centros urbanos están especialmente deseñados para que os carriños dos nenos podan circular sen contratempos, ou se visita ás áreas de negocios de cidades de Islandia ou Noruega tamén se sorprenderá con certos espazos 'femininos' en lugares tradicionalmente 'masculinos'. Dende un urbanismo 'machista' o desenvolvemento das cidades conduce á segregación e a especialización funcional, mentres que dende un urbanismo con perspectiva de xénero o que se pretende é que a propia cidade sexa unha garante da equidade entre os sexos. Espazos urbanos feitos dende a diferenza pero non dende a desigualdade.

Xa para rematar, fagámonos esta pregunta ¿cómo preferiríamos que evolucionara urbanísticamente Ourense?, ¿cara unha cidade socialmente segmentada e espacialmente segregada, ou cara unha cidade compacta e plural onde os barrios volvan a ter un sentimento de comunidade? ... nosoutras o temos claro.

Te puede interesar
Más en Cartas al director