Celanova

Alba Prol e Raúl García: "O camiño ten moitas vertentes, pensas que vai dunha cousa e sempre te sorprende" 

Celanova

Entrevista

Alba Prol e Raúl García: "O camiño ten moitas vertentes, pensas que vai dunha cousa e sempre te sorprende" 

Os ourensáns Raúl García e Alba Prol Cid (GRACIELA VILAGUDÍN).
photo_camera Os ourensáns Raúl García e Alba Prol Cid (GRACIELA VILAGUDÍN).
Os cineastas ourensáns son os directores do documental "O Gran Camiño"

Os cineastas ourensáns Alba Prol Cid (Maceda) e Raúl García (A Bola), son os pais e directores de "O Gran Camiño" ("The  Great Way"). Un documental, producido por Meteórica Cine, que contou co apoio da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia a través de "O Teu Xacobeo", que realiza un percorrido por algúns dos camiños máis relevantes do mundo, entre os cales se atopa o Camiño de Santiago. O proxecto, que verá a luz en pleno Ano Santo, aínda que non ten data de estrea, empeza a recibir o recoñecemento de diferentes festivais internacionais.

Empezan o ano sendo finalistas dos “European Cinematography Awards", como se senten?

Raúl: Estamos nunha nube, moi sorprendidos. Isto todo empezou hai 15 días, que decidimos mandar o documental aos festivais e a acollida foi moi boa. Hai uns días notificáronnos dos primeiros premios, en India e Bután, este último como mellor película de viaxes no "Drak International Film Festival"; e agora somos finalistas no "European  Cinematography Awards". En ningún momento foi pensado coa pretensión de que participase en festivais, non é o típico traballo que se presenta a festivais, pero pensamos en envialo para darlle visibilidade. 

Como xurdiu o proxecto?

Raúl: Foi algo que concibimos desde o Camiño de Santiago, pero coa idea de facer algo máis amplo, máis internacional. Abarcando distintos camiños do mundo. A idea era reflectir eses camiños e os motivos que levan á xente para camiñar. Alba é o fío condutor que mostra como unha cineasta galega embárcase na aventura de camiñar, eu saio menos.

Alba: Raúl tamén sae. Eu son máis bilingüe e por isto estou máis nas entrevistas, pero el tamén aparece.

Que camiños escollestes para este proxecto?

Alba: O Pacific Crest Trail que atravesa a costa oeste de Estados Unidos, o camiño Kumano Kodo na rexión do Wakayama en Xapón, o Camiño Inca a Machu Picchu en Perú e o Camiño de Sanitago, claro. 

E por que escollestes estes e non outros?

Raúl: O Camiño de Santiago é o nexo de unión, é o que aglutina un pouco todas as vertentes que poden mover a alguén a facer o camiño: de natureza, cultural e tamén relixiosa. E, a partir del, buscamos outros que representasen cada una de esas vertentes o puramente natural como é o do Pacific Crest, que atravesa parques nacionais e podes pasar unha semana sen ver nada de civilización. Logo está o xaponés que é relixioso e, a vertente cultural, está representada polo camiño dos Incas.

Como foi a rodaxe?

Alba: Foi moi emocionante, porque ao ser un proxecto noso, é como o teu fillo. É a primeira vez que facemos algo tan grande, tan noso e internacional. Eu son unha persoa a que lle encanta viaxar, pero nunca me interesou o Camiño de Santiago, nunca o fixera. E agora que tiven esta oportunidade, encantoume. Coincidiu ademais que saíamos do confinamento e todo ese remanso de paz, de natureza. Sorprendeume. 

Raúl: O camiño vai dunha cousa e sorpréndete, ten moitas vertentes. Hai quen o fai para pasalo ben e cámbialle a vida e logo hai quen busca iso e pásase unhas vacacións marabillosas. 

Que reflexión facedes despois de tantos quilómetros e horas de gravación?

Raúl: O covid pillounos no medio da gravación e, cando retomamos a rodaxe no que chamaron a nova normalidade, unha moza lituana que facía o Camiño de Santiago díxonos algo que me gustou moito e é que a pandemia nos ha vindo confirmar o que xa sabiamos, que nunca sabes o que vai pasar mañá. Temos un gran plan, que é a nosa vida, e temos que vivir o presente.

Cando poderemos gozar deste traballo?

Alba: Aínda está por pechar ese tema, pero nos vindeiros meses organizaremos unha preestrea en Santiago de Compostela, que é a cidade na que vivimos.

Que proxectos tedes entre mans?

Raúl: Queremos e imos facer máis camiños. Tivemos a sorte que, no confinamento, traballamos moito en casa e unha distribuidora europea recomendounos transformar o proxecto nunha serie, porque así terá unha mellor saída en televisión, nas plataformas. Os premios son marabillosos, pero que alguén aposte así por ti...

Alba: Foron catro meses, doce horas editando. Ao final parimos seis fillos: catro capítulos de 50 minutos para unha serie (un por camiño), e dúas versións longas, unha para Galicia máis centrada no Camiño de Santiago e outra máis internacional, onde os catro camiños teñen o mesmo trato.

Cales serán os seguintes?

Raúl: Tiñámolo todo calculado, pero o coronavirus condiciónanos todo. Non podemos dicir cales serán, pero tocaremos África, algo no leste de Europa e tamén queremos incluir Asia.

Non podemos pechar esta entrevista sen apelar ás raíces celanovesas de Raúl, que teñen as Terras de Celanova para ser berce de tantos artistas?

Raúl: Celanova estes días esta soando moito grazas á serie de  Netflix de Carlos Montero. Vese que a xente de Celanova temos ganas de contar cousas e inclúome porque, aínda que son da Bola, estudei na vila e síntome moi vinculado a ela. Hai moita xente que se adica a isto e que sente un apego especial pola súa terra. Igual en outros sitios tamén hai xente que fai cousas, pero non sente esa vinculación. Iso non quita que estea a suceder algo especial, moita xente dedicada ao audiovisual, pero tamén ás letras, e que está a triunfar!.

Más en Celanova