Centenares de persoas desafiaron a chuvia e, paraguas en man, participaron da celebración da romería etnográfica Raigame en Vilanova dos Infantes, que na súa duodécima edición, fixo un guiño ao mundo circense.

A arte circense conquistou Raigame

Actuación folclórica en Vilanova dos Infantes. A festa de Raigame celebrouse a pesares da chuvia e o frío. (Foto: FOTOS: MIGUEL ÁNGEL)
Cos ollos ben abertos e unha expresión de sorpresa na cara deixaron os integrantes do Circo Ciudad de los Muchachos e o grupo de teatro-circo 'Ale-Hop' ao público congregado a su paso nas rúas de Vilanova dos Infantes. Unha sesión reducida do seu espectáculo de malabares e acrobacias, porque a chuvia impediu desenvolver a programación tal e como estaba prevista, pero suficiente para deixar aos celanoveses e visitantes cun sorriso na cara.
E que a auga e o frío non impediron que moreas de persoas disfrutasen da singular festividade do Día das Letras Galegas cunha xornada que mistura a exaltación dos vellos oficios tradicionais co 'tapeo' polas improvisadas tabernas onde se podían degustar sabrosas tapas e doces caseiros.

Os baixos e soportais das diferentes rúas e prazas foron o refuxio de visitantes e artesáns. Palilleiras, oleiros, cesteiros e zapateiros compartiron protagonismo cos artistas do coiro, a forxa ou as manualidades. Oficios que, con sumo mimo, retrataban profesionais da fotografía -actual e antiga, como Santiago Nicolás e os seus retratos coa máquina do século pasado- como ducias de aficionados participantes no certame fotográfico convocado pola organización. Cantareiras e pandereiterias, gaiteiros e corais completaban a estampa da romería, organizada polo Concello celanovés e o Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo coa colaboración dos veciños de Vilanova.


ACTOS DE HOMENAXE

Ata en dúas ocasións se retrasou a inauguración da placa en lembranza de Secundino Feijóo e do padre Jesús Silva, fundadores do Circo Feijóo e da Ciudad de los Muchachos, respectivamente. O rexidor celanovés, José Luis Ferro, fixo de mestre de cerimonias no acto de homenaxe a estes dous ilustres veciños de Vilanova, parentes entre si, que fixeron que o burgo celanovés formase parte da historia universal do circo. 'O cura, o Suso como lle chamaban en Vilanova, tiña dous amores: a súa relixión e o seu circo', lembra a súa irmá, Clara Silva, quen engadiu que 'foi co circo dos muchachos por todo o mundo, por Europa, África, América, ... levando alegría, sorrisos para os nenos e sobre todo, amor e paz'. Manuel Feijóo Sanchez, neto de Secundino, disculpou a ausencia da familia no acto por motivos laborais, pero nunha carta enviada á organización esta agradeceu o recoñecemento ao 'primeiro da saga, o páter, o maestro' dunha larga familia de artistas adicada ao circo, pero tamén ás artes escénicas, á música ou á televisión.

A Sociedade Filatélica 'Miño' tamén quixo rendir a súa particular homenaxe ao mundo circense ca edición de dous selos conmemorativos de Correos que presentaron nunha mostra na Praza Maior.

Te puede interesar