reportaxe

Casa Cid: loita contra a especulación

casa cid
photo_camera Interior da Casa Cid, unha taberna de referencia no corazón comercial de Lisboa, fundada polo ourensán Manuel Cid en 1913
Os seus actuais propietarios, a cuarta xeración dende a súa fundación no ano 1913, propuxéronse predicar a resistencia na rede pedindo apoio na plataforma “Change.org” 

É, unha vez máis, a historia de David contra Goliat ou unha alegoría da propia emigración galega ó longo dos tempos. A mágoa é que neste caso as posibilidades de éxito son mínimas. Sen embargo, os seus actuais propietarios, a cuarta xeración dende a súa fundación, alá polo ano 1913, non desesperan e propuxéronse predicar a resistencia na rede, pedindo apoio na plataforma “Change.org” co fin de non seren aniquilados pola especulación urbanística.

Trátase de Casa Cid, unha taberna tradicional portuguesa fundada por Manuel Cid (1872-1951), un ourensán, pioneiro coma tantos, nacido na parroquia celanovesa de Santa Eufemia e que despois de ter probado primeiro a emigración en Angola e Mozambique, acabou asentándose en Lisboa e abrindo as súas portas no ano 1913, no barrio popular do Cais do Sodré, fronte por fronte do Mercado da Ribeira lisboeta, onde, segundo relata a súa neta María Eugenia Cid, unha das actuais propietarias, "acollía os primeiros almorzos da madrugada, o mata-bicho que lle chamaban, para os traballadores, vendedores e compradores, que recollían alí o pescado na lonxa, as legumes, froitas e carnes que chegaban ó mercado para distribuílas a primeira hora, non só por todo Lisboa, senón para outras cidades portuguesas". 


A tasca, especialista na comida tradicional portuguesa, mantén a oferta ligada ó Mercado da Ribeira


Con 106 anos de historia ás súas costas, a Casa Cid permaneceu aberta de forma ininterrompida ó longo de todos estes anos, rexentada primeiro polo propio Manuel Cid e logo polos seus fillos Eduardo e Antonio coa axuda das súas irmás Pilar e Rosa, ademais do seu cuñado Ernesto, ata que a xubilación de todos eles e o seu paulatino regreso para Ourense mantivo durante un tempo as súas portas abertas nas mans dun encargado e agora, finalmente, nas de Borja Durán Cid, bisneto de Manuel, que é quen se ten que estar enfrontando directamente ós avatares provocados pola especasa cidculación urbanística.

A tasca, especialista na comida tradicional portuguesa mantén viva aínda unha oferta ligada ós productos que se ofrecen a cotío no Mercado da Ribeira, tal como explica o propio Borja Durán, a cuarta xeración dos Cid á fronte do negocio: “De mañá no mercado é cando sabemos a oferta que imos ter para o almorzo. Os vendedores veñen á taberna a ofrecernos o producto, pero aínda continúan vindo tamén a comer e a beber, como facían os clientes de meu bisavó. A peixeira ou os carniceiros Martínez e González –dous galegos- levan fornecéndonos o peixe e a carne dende hai 70 anos e non hai ninguén que leve cun negocio no Mercado dende hai 50 anos que non coñecera ó meu bisavó”.

Toda esta historia e tradición gastronómica popular lisboeta da que ten sido testemuño a Casa Cid foi obxecto de recoñecemento polo propio presidente da República, que lle concedeu un Diploma acreditativo cando o negocio cumpriu o seu centenario, no ano 2013.

Pero nin así, con soportes tan obvios e significativos, a ameaza de peche ten decaído por mor "dese fondo de investimentos alemán, que mercou toda a mazá pombaliana onde se atopa instalada a taberna –afirma María Eugenia Cid- para construír un hotel de luxo, presionándonos para elo co fin de que entreguemos o local casa cida cambio dunha indemnización irrisoria, mentres o Concello de Lisboa, en vez de protexer o negocio local, favorece ós grandes investidores".

Non será nada, pero polo menos propuxéronse atrasar o máis posible o seu peche. Esa é a razón pola que manteñen un litixio xudicial co fondo de investimento e polo que abriron a solicitude de apoio na coñecida plataforma “Change. Org” e esa tamén é a razón pola que nós inserimos aquí o seu enlace (http//chng.it/jWVkR8kJ) por se vostede ten oportunidade de se achegar a Lisboa e aínda lle apetece ir almorzar un "bacalhau a lagareiro", unha "grelhada mista", unhas "sardinhas assadas" ou uns "secretos de porco preto".


Reaccións


E para que lle sirva de acicate, abonda cun botón de mostra inserido nas redes estes días:

"Como é possível –di Filipa Meireles– não haver Estado nem Lei que nos valham contra a especulação imobiliária? A delapidação do nosso património cultural e urbanístico, a expulsão dos cidadãos das suas casas e pequenos negócios a favor de empresas poderosas é um crime dos sucessivos governos contra a nação". 

Te puede interesar