CULTURA

O portugués Lourenço Fontes recibe o galardón Celanova, Casa dos Poetas

Celanova. 04-09-16. Provincia. Premio casa dos Poetas de Celanova na casa de Curros Enríquez ao Padre Fontes.
Jose Luis Ferro, Valentín García, Padre Fontes e David Teixeira
Foto: Xesús Fariñas
photo_camera O historiador e etnógrafo Padre Fontes no acto de entrega do premio que recoñece a súa traxectoria.

O premio, outorgado pola Fundación Curros Enríquez, recoñece traxectorias no campo da defensa da cultura galega

A Fundación Curros Enríquez fixo entrega, no día de onte e en colaboración coa Consellería de Cultura, do premio “Celanova, Casa dos Poetas” ao historiador e etnógrafo portugués, António Lourenço Fontes, máis coñecido no ámbito da Raia Seca como o “Padre Fontes”.

O galardón, que xa vai pola súa XXXII edición, recoñece traxectorias históricas no campo da defensa da cultura galega e de Galicia. Foi o pasado día 5 de agosto, cando o xurado decidiu por unanimidade recoñecer o labor de Antonio Lourenço, “pola súa contribución á divulgación e ao coñecemento da cultura trasmontana, tan identificativa dos pobos das Terras do Barroso e de todo o norte de Portugal coma destoutros espazos que se enmarcan no triángulo ferriniano que debuxan os vertixes de Montalegre, Celanova e Arcos de Valdevez”. O xurado está composto exclusivamente polo Patronato da Fundación Curros Enríquez, que preside o alcalde de Celanova, José Luís Ferro, e da que forman parte representantes de diversas institucións e entidades destacando, como figura máis reseñable, a do escritor de Vilanova dos Infantes, Xosé Luís Méndez Ferrín.

Na entrega do premio, destacouse tamén o papel do Padre Fontes no ámbito do desenvolvemento rural, coa posta en marcha das hospederías Hotel Rural Señora dos Remedios e Casa Fontes no municipio de Montealegre, así como o seu ineludible compromiso social coas xentes da súa terra “a través do seu exercicio como párroco de Vilar de Perdices e doutras freguesías do concello de Montealegre”.

Xornada de homenaxes

Fontes recibiu o recoñecemento no transcurso dunha xornada que estivo presidida polo secretario xeral de Política Lingüísitica, Valentín García xunto co presidente da fundación e rexedor celanovés, nunha cita que serviu ademáis para lembrar e homenaxear ao intelectual e escritor galego, Celso Emilio Ferreiro, con motivo do 37 aniversario do seu falecemento. Os actos comezaron cunha ofrenda floral diante do monumento homenaxe a Celso Emilio, para posteriormente trasladarse á Casa dos Poetas onde se procedeu á entrega do galardón, previo alegato simbólico á figura dos tres grandes poetas de Celanova, Curros Enríquez, Castor Elices e Celso Emilio.

Valentín García loou a ampla traxectoria do Padre Fontes, “que abrangue a investigación, pero tamén a xestión cultural ou o desenvolvemento rural”, e expresou a súa satisfacción polo feito de que o premio recaese nun home que é “tan galego como portugués, pois ignora deliberadamente a existencia de calquera fronteira administrativa que queira estar por riba das continuidades culturais e humanas que unen os dous lados da Raia”.

Ademais do secretario xeral, que lle entregou ao galardoado un diploma acreditativo, interviñeron no acto José Luís Ferro, rexedor de Celanova, facéndolle entrega da medalla acreditativa –obra do escultor Acisclo Manzano–; Antonio Piñeiro Feijóo, secretario da Fundación, que leu a acta; David José Varela Teixeira, vicepresidente da Cámara Municipal de Montalegre, que foi o encargado das palabras de gabanza relativas ao Padre Fontes, e o propio António Lourenço Fontes, que agradeceu o galardón. No acto participou tamén o presidente da Cámara Municipal de Montalegre, Manuel Orlando Fernandes Alves.

Lourenço Fontes converteuse así no trixésimo cuarto persoeiro en recibir este histórico galardón, co que xa se premiou, en edicións anteriores, a persoas e institucións tan relevantes como os escritores Uxío Novoneyra, Xosé Neira Vilas e Xohana Torres, os xornalistas Alfonso Sobrado e Fernández del Riego, os músicos Amancio Prada e Carlos Núñez ou o actor galego Luís Tosar. 
 

Te puede interesar