O proxecto eólico do Monte da Neve irá ao Parlamento

O BNG reclama protección "dos lugares fundacionais de Celanova" ameazados por unha iniciativa alemá

O proxecto  eólico “Monte da Neve” entre Celanova e Verea chegará ao Parlamento. O deputado nacionalista Iago Tabarés anunciou onte nunha xornada informativa coa veciñanza celanovesa que esixirá ao Goberno galego a que emprenda as medidas necesarias para dotar de protección os bens patrimoniais descubertos na contorna da Casa da Neve. Os nacionalistas subliñan que o proxecto eólico producirá “un enorme movemento de terras e destruiría para sempre os vestixios que un informe arqueolóxico municipal cualifica como “os lugares primitivos fundacionais do mosteiro de Celanova e a necrópole megalítica da bisbarra de Celanova”.

O expediente en tramitación contempla a instalación de aeroxeneradores a menos de tres quilómetros do Mosteiro e moi próximo a aldeas como Sampil, Amoroce ou Cañón. O BNG subliña que, en Alemaña, onde ten a sede a empresa BayWa que controla o 100% do capital da explotación enerxética proxectada, “unha instalación destas características está prohibida porque as máquinas deberían situarse a unha distancia mínima das casas igual a dez veces a altura dos muíños; neste caso, a 1,77 quilómetros”.

Tanto Tabarés como o portavoz Leopoldo Rodríguez insistiron no posicionamento do BNG a favor dunhas enerxías limpas “que son necesarias mais que non deben ser instaladas en calquera sitio a costa de valores naturais, patrimoniais ou paisaxísticos, nun país como Galiza excendetario en produción eléctrica”.

Te puede interesar