Non se coñece aínda o resultado das análisis que se fixeron por zonas
O Concello de Ramirás mantén activa a prohibición de utilizar con fins alimentarios a auga do servizo municipal de abastecemento aos veciños das parroquias de Freás, Mosteiro, Paizás e Vilameá.
A aparición de arsénico nas análises efectuadas no servizo obrigou, o pasado 17 de xullo, a tomar esta decisión ao grupo de goberno municipal que preside Juan Carlos Rodríguez Matías. "Seguimos igual. Estamos á espera dos resultados das análises por tramos que efectuamos a semana pasada, co obxectivo de dar co foco do problema e buscarlle unha solución", explicaba o rexedor do Partido Popular, que lembrou como "a primeira análise daba 17 microgramos por litro, pero no segundo xa baixou ata os 12 µg/l", dixo. O límite recomendado pola Organización Mundial da Saúde (OMS) é de 10 µg/l.
A noticia da prohibición de utilizar a auga do servizo municipal para a inxesta humana ou animal, elaboración de alimentos ou rega de cultivos, xerou unha gran expectación no municipio pertencente á comarca de Terra de Celanova. Máis aló da incomodidade que supón o non poder utilizar a auga do servizo municipal, que a maioría liquida co uso de pozos privados, os veciños mostraron o seu malestar pola escasa e confusa información remitida polo grupo de goberno, así como o seu temor polos perigos que podería carrexar a inxesta prolongada de auga contaminada con arsénico. Neste senso, o PSdeG-PSOE solicitou ao Concello e á Deputación de Ourense unha copia das análises do último ano para verificar a calidade da auga