REPORTAJE

O rexurdir da rúa San Roque

20170506180306110_result
photo_camera A Praza de Abastos, en plena transformación, pon o remate á rúa celanovesa de San Roque.

A apertura de varios negocios de hostelería está axudándolle á rúa San Roque a manter os seus edificios e recuperar o esplendor doutros tempos nos que os veciños recordan que foi unha das máis comerciais de Celanova.

É evidente que os pobos, vilas e cidades están vivos, cando menos tan vivos coma as súas xentes. E forma parte da natureza mesma da vida irmos cambiando, írmonos adaptando ciclicamente ó devir dos tempos. É así como de súpeto unha zona dunha poboación á que non se lle tiña prestado atención nos últimos anos consegue revivir con forza. 

Aconteceu noutras vilas e, agora, é o que está a acontecer coa rúa San Roque de Celanova. Trátase dun punto onde conflúe boa parte da historia da vila. Presídea unha réplica da Tábula de Castromao, un pacto de convivencia asinado entre castrexos e romanos, representando así as orixes coelernas. Por esa praza ben seguro que cruzaban a diario tanto Manuel Curros Enríquez como Celso Emilio Ferreiro ó ser o punto de conexión máis lóxico entre a súa Calle Arriba natal e a Praza Maior. 

O seu nome oficial é praza Cervantes, pero sen ánimo de desmerecerlle ningunha honra ó autor do Quijote, todos en Celanova se refiren a ela como "Praza das Pitas", por ser alí onde se organizaba o mercado de animais pequenos.Así, se por algo se caracterizou sempre a zona foi polo comercio. Non é casual que este fose o emprazamento elixido finalmente para a Praza de Abastos. 

"Había mercerías, tendas de regalos, tendas de roupa... era unha das rúas máis comerciais da vila", lembran os veciños que hoxe frecuentan unha zona que xa formaba tamén parte da súa infancia. Pero Celanova non foi ningunha excepción no 'boom' constructivo dos anos 60 e 70. A medida que os propietarios dos locais ían envellecendo, a apertura de novos negocios foise trasladando a rúas máis modernas, como a Celso Emilio Ferreiro. Alí non só se radicou o comercio, senón que tamén se converteu no epicentro do ambiente nocturno. A rúa San Roque, así como gran parte do casco histórico, foi, deste xeito, perdendo a gloria doutros tempos. 

Pero, tendo sempre presente que todo nesta vida é cíclico, esa gloria semella ter voltado cambiando a compoñente comercial por outra máis lúdica. O xérmolo da recuperación desta zona sementouse hai algo máis dunha década co traslado dun dos restaurantes máis importantes de Celanova á Praza das Pitas, onde ata aquel momento só figuraba un bar de tapas, restaurando unha antiga casa víctima dun incendio. Pero foi hai tan só tres anos cando se acendeu a chispa a partir da que a Rúa San Roque se incluíu no tránsito da ruta de pinchos. A apertura dunha tenda-taberna trouxo consigo a localización próxima dunha tapería e o conseguinte emprazamento doutra. Así, de haber un só local de hostelería, son agora cinco os que cada tarde atraen a numerosos veciños en pouco máis de 100 metros de lonxitude. Xa non se trata só do aumento de visitantes, senón que tamén é positivo para as edificacións da vila, que recuperan o seu esplendor arquitectónico. 

Os propietarios pasan por ser xente activa e comprometida co ocio da vila e póñense de acordo mesmo na decoración das fachadas a través das diferentes estacións. De feito, son varias as iniciativas culturais que organizan entre todos ó longo do ano. Con todo, o obxectivo final é que "haxa ambiente en tódalas zonas e que sexa Celanova quen gañe". O rexurdimento da rúa San Roque non fai senón completar un circuito de pinchos que inclúe a rúa Colón, a Pardo Bazán e a Praza Maior.

Todo apunta a que o futuro da zona vai ir a máis, posto que o Concello ten prevista a apertura dun restaurante no segundo piso da Praza de Abastos, que axudará a reforzar o ambiente gastronómico da vila.

Te puede interesar