A bolboretiña do día | Mouchos e curuxas

Mouchos, coruxas, sapos e bruxas... comeza ese “esconxuro da queimada” creado en 1967, en Vigo, por Mariano Marcos Abalo, e que moitos pensan anónimo. O moucho é esa ave nocturna tan querida polos gregos que representaba a deusa Atenea, por iso se chama pola culta “Athene noctua”. O que é curioso que en Portugal lle chaman “mocho”, con esa tendencia á monotongación que teñen no sur. De moucho derivamos “amouchar” que é como se di na fala popular estar decaído ou deprimido. (“Deixouno a moza e anda todo amouchado”, por exemplo). A curuxa (mellor escribilo con u, pois é inmensamente maioritario na fala e na literarura), é tamén ave rapaz nocturna, só que máis grande. Seica lle chaman polo científico Tyto alba. Será. “Ollos de curuxa” chámanlle a aqueles vistos moi grandes polos cristais de aumento ou fixos en algo. En Portugal chámanlle “corujas”, tamén,  ás persoas excesivamente trasnoitadoras. Para o peixe a RAG recomenda tamén u,  “curuxo”. Así, pois, non se enganen, metan no forno un curuxo e non unha curuxa. É maís fácil de conseguir e, creo, máis rico. 

Te puede interesar