A cultura galega reivindica a figura e a obra do poeta Lois Pereiro

A cultura galega a través da visión dalgúns dos seus escritores máis destacados como Nino Braxe, Manuel Rivas, Antón Reixa ou Antón Patiño, homenaxea a figura e a obra de Lois Perero cun libro que será repartido co diario La Voz de Galicia o vindeiro martes, 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas.
'Lois Pereiro en 17 voces' foi presentado hoxe na Real Academia Galega (RGA), na Coruña, nun acto ao que asistiron representantes políticos como o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, ou o líder dos socialistas galegos, Manuel Vázquez.

Coa edición deste libro a RAG e La Voz de Galicia queren homenaxear este poeta galego, a cuxa figura e obra se dedica este ano o Día das Letras Galegas.

O presidente da RAG, Xosé Luis Méndez Ferrín, defendeu a distinción concedida a Pereiro, a quen definiu como un 'patriota galego herdeiro da tradición do independentista Manuel Antonio, pero ligado ao mesmo tempo ás vangardas literarias centroeuropeas'.

Méndez Ferrín subliñou que a elección de Pereiro supuxo o 'estoupido dun fenómeno de masas'.

'Galicia está celebrando a Pereiro como nunca antes o fixera con outro escritor', proclamou o presidente da RAG sobre o autor nado en Monforte de Lemos en 1958 e falecido na Coruña en 1996.

Doutra banda, a irmá do homenaxeado, Inés Pereiro, agradeceu a decisión da RAG e o labor de difusión de La Voz de Galicia.

Te puede interesar