Pontevedra acollerá de novo o Culturgal 2011 tras o 'éxito' da pasada edición

O presidente da Asociación Culturgal, Xulio Amigo, anunciou este xoves que Pontevedra acollerá de novo o certame que leva o nome da entidade que dirixe tras o 'éxito' da pasada edición.
'Culturgal 2010 foi un fito histórico para a cultura galega', destacou Amigo, para quen a terceira edición deste festival conyugó 'unha valoración satisfactoria' tanto por parte do público coma das empresas implicadas. 'A industria asumiu directamente a xestión do evento cultural máis importante de Galicia e a satisfacción do sector polo resultado é unánime', concluíu.

Tras destacar que pola feira pasaron máis de 14.000 persoas, o director xerente da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Juan Carlos Fasero, celebrou que a asociación conta cos mesmos apoios que o pasado ano pero que conta 'con máis tempo' para os preparativos.

Pola súa parte, a subdirectora xeral de Planificación e Dinamización Lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística, Cristina Ruibal, subliñou a importancia que ten este evento para a lingua galega, á que mostra como 'un vehículo natural da creación cultural'.

En representación do terceiro organismo que apoia esta feira, a concelleira de Cultura de Pontevedra, Lola Dopico, fixo fincapé na importancia que ten para a cidade 'acoller' un proxecto que 'mostra o mellor da cultura galega' ante a sociedade galega e ante o mundo'.

CONVOCATORIA ABERTA

Por último, Xulio Amigo anunciou que a Asociación Culturgal decidiu abrir un concurso público para a selección dun profesional do sector cultural galego que traballe co sector na elaboración dun plan estratéxico para Culturgal e na dirección da Feira das Industrias Culturais.

Os interesados en participar nesta convocatoria deben preparar un bosquexo de plan estratéxico que non supere os 15 folios e envialo por correo electrónico ([email protected]) antes do luns día 4 de abril.

Te puede interesar