O Salón Teatro de Santiago acolle unha función do espectáculo Mundo Lois, de Antón Reixa

Tratará de 'divulgar' a figura do poeta monfortino, sobre todo entre os mozos
O Salón Teatro de Santiago acollerá este martes, Día das Letras Galegas, unha única función do espectáculo Mundo Lois, ideado por Antón Reixa en homenaxe ao poeta monfortino ao que se dedica este ano o día grande da literatura de Galicia.

Así, o escenario compostelano acollerá ás 21.00 horas deste martes a representación desta montaxe, adaptada e dirixida por Liño Braxe e protagonizada por Antela Cid, que está a realizar unha exitosa xira por Galicia.

Mundo Lois mestura a interpretación teatral do legado poético de Lois Pereiro cunha escenografía audiovisual a cargo de Manu Paz e Antón Reixa, ademais dunha banda sonora interpretada por Alexandro González, que atende a referencias tanto de cancións pop dos Beatles coma á música culta referida polo autor.

En concreto, a montaxe pretende propiciar o que foron os fundamentos estéticos do homenaxeado no Día das Letras Galegas deste ano, mostrando unha visión 'profunda, sedutora e interdisciplinar' da súa personalidade artística.

'Son uns 50 minutos para que o espectador leve unha idea de como é o mundo de Lois Pereiro', sinalou Antón Reixa, que evidenciou o seu propósito 'humilde' de 'divulgar' a figura do escritor para que o público 'saia namorado' do tras ver a obra.

PÚBLICO NOVO

Pola súa banda, a actriz Antela Cid resaltou o 'gratificante' que resulta 'ver como esta poesía está a chegar a xente máis nova', aínda non familiarizada coa obra de Lois Pereiro. Esta circunstancia, segundo Reixa, débese á peculiaridade de que Lois Pereiro foi un poeta que traballou en claves de vangarda, cunha escritura moi vinculada á cultura popular xuvenil.

Estreada en Vigo o pasado mes de marzo, Mundo Lois é unha coprodución de Nordesía, Filmanova e Kachet, con dirección técnica e produción de Paco de Pin.

As entradas para asistir á representación en Santiago de Compostela poranse á venda na taquilla do Salón Teatro a partir das 19.00 horas deste martes. En venda anticipada, xa están dispoñibles en www.sientelaunion.es e a través do 902 43 44 43.

Te puede interesar