O xurado salienta o seu papel por ter feito un 'personaxe próximo co que a xente se identifica'

Xosé Lois González recibe o premio Galicia Comunicación polo seu popular 'Carrabouxo'

 Xosé Lois González, Xosé Carlos Sierra e Isabel Pérez, na  inauguración da exposición.
Xosé Lois González foi galardoado co premio Galicia Comunicación na categoría de mellor labor de comunicación de xornalismo gráfico en medios impresos como creador do Carrabouxo. O xurado salientou que creara 'un personaxe próximo co que a xente se identifica'.
'Non os recibiría moi ben porque é moi discreto, pero a min si que me gustan'. Así explicaba onte Xosé Lois González como tería encaixado 'O Carrabouxo' tódolos recoñecementos que está a recibir con motivo do seu 25 aniversario. O último vén da man da Secretaría Xeral de Comunicación, que otorgou ó seu creador o Premio Galicia Comunicación na categoría de mellor labor de comunicación de xornalismo gráfico en medios impresos polas viñetas publicadas cada día en La Región e Atlántico Diario.

O xurado do premio salientou 'o seu papel por ter creado un personaxe próximo co que a xente se identifica'. Valorouse, ademais, 'a calidade plástica e humorística da tira'. Xosé Lois González recibiu a noticia do galardón, que será entregado en xaneiro na illa de A Toxa, 'moi contento de que consideren ó Carrabouxo na comunicación e non só no aspecto humorístico. Esto demostra que o humor é unha forma de comunicarse entre a xente. Non vou dicir que é inmerecido porque sería unha modestia innecesaria e penso que 'O Carrabouxo' si que o merece'.

A mostra

Para Xosé Lois González, 'O Carrabouxo' é 'un personaxe con vida propia' e o premio Galicia Comunicación é un agasallo 'moi oportuno, ó celebrar os 25 anos'. O humorista gráfico quixo 'dar as grazas ó público de Ourense, de Pontevedra e de toda Galicia pola acollida que tivo O Carrabouxo'. Nese aspecto, González di da exposición conmemorativa do aniversario do personaxe inaugurada onte no Ateneo que 'teño a sensación de que vai ir moi ben. Dende logo, se é polo cariño ó personaxe, vai ter moi boa acollida'. Os ourensáns que desexen lembrar a vida da provincia dos últimos 25 anos poden facelo xa no Ateneo a través dos ollos de quen é xa un ourensán ilustre: O Carrabouxo.

Te puede interesar