'Michu' avala a súa compatibilidade con Álex López

O centrocampista do Celta Miguel Pérez 'Michu' defendeu hoxe a súa compatibilidade co seu compañeiro Álex López, pois cre que poden xogar xuntos sen que baixe o nivel de xogo do equipo celeste.

'Somos compatíbeis, mais tamén me sinto ben con outro compañeiro. Sei que hai moitos pivotes, mais persoalmente estou máis cómodo na posición de interior', indicou Michu nunha rolda de prensa.

As lesións ou sancións dalgúns compañeiros abríronlle desde que comezou 2011 as portas da titularidade a un Michu que se reivindicou ante Paco Herrera con grandes actuacións nos partidos que xogou, incluso marcando algún gol.

'Ao final chega a recompensa ao traballo. Cando me chegou a oportunidade aproveiteina e agora é o míster o que cada fin de semana ten un dilema ao ter que escoller o once titular', recalcou.

Unha competencia que Michu considera 'boísima' para os intereses do Celta porque, segundo explicou, 'o nivel do equipo subirá e iso traducirase en boas actuacións e en puntos'.

Na pasada fin de semana, Paco Herrera tiña pensado premiar a Michu coa titularidade a pesar de ter todos os seus futbolistas do medio campo para adiante dispoñíbeis.

Porén, unha indisposición no último momento privou o asturiano da titularidade fronte ao filial do Barcelona.

'Cando che acontece isto sempre é un mal momento, mais neste caso, se callar, un pouco máis porque ía ser titular. Habitualmente viña xogando por baixas de sanción ou lesión e, porén, o outro día ía ser titular con todo o equipo completo', lamentou.

Con todo, celebrou estar recuperado e 'con vontade de que chegue o luns' para ver se pode 'entrar de novo no equipo titular'.

Finalmente, Michu dixo que o encontro contra o Numancia é 'clave', porque 'dos tres de arriba somos os que xogamos contra un rival máis perigoso e se non gañamos podemos quedar a cinco puntos do Betis e do Rayo se gañan os seus encontros'.

Te puede interesar