BMW e PSA Peugeot-Citroën crean unha 'joint venture' para desenvolver sistemas híbridos

Os grupos automobilísticos PSA Peugeot-Citroën e BMW constituíron unha sociedade conxunta, participada o 50% por cada empresa e denominada BMW Peugeot Citroën Electrification, co obxectivo de intensificar a súa cooperación no desenvolvemento de sistemas híbridos para os vehículos.
O acordo, subscrito polos presidentes de BMW e PSA, Norbert Reithofer e Philippe Varin, respectivamente, comprende o desenvolvemento e a produción de compoñentes para vehículos híbridos. Os dous socios fabricarán e comprarán compoñentes de forma conxunta, co fin de xerar economías de escala.

Está previsto que a 'joint venture' inicie a súa actividade no segundo trimestre de 2011, unha vez recibida a aprobación correspondente por parte das autoridades de competencia. Os compoñentes froito deste acordo comezarán a equipar os vehículos de ambas as dúas empresas en 2014.

A dirección da nova sociedade conxunta estará formada por empregados das dúas empresas, pero tamén se realizarán contratacións externas. O presidente será Wolfgang Güllich, responsable de Compras de BMW, mentres que o director xeral será Jean Leflour, director de Visión de Cliente e de Programación de Calidade de PSA.

O máximo responsable da multinacional alemá, Norbert Reithofer, indicou que a cooperación permitirá xerar economías de escala no ámbito de electrificación de vehículos. O seu homólogo en PSA, Philippe Varin, asegurou que naceu un líder europeo en innovación do automóbil híbrido.

BMW e PSA manteñen un acordo de colaboración para a produción de motores de gasolina dende hai anos. Así, entre 2006 e 2010 fabricaron 1,8 millóns de motores. En febreiro do pasado ano, os dous socios comprometéronse a desenvolver unha nova xeración de propulsores de gasolina de catro cilindros destinados ás marcas Mini, Peugeot e Citroën

Te puede interesar