“se a crise demográfica non se asume como un problema, dificilmente poderemos solucionala'

O profesor Calos Ferrás.
O profesor Carlos Ferrás participará hoxe no coloquio 'Natalidade e vellez en Galicia. Un pobo con pasado, un pobo con futuro?', xunto ó responsable de UGT, José Luis Fernández Celis, e a profesora María Isabel Doval. Organizado polo Foro La Región, será no centro de desenvolvemento de Novacaixagalicia ás 20.15 horas.

Por que temos unha das natalidades máis baixas de Europa?
Pola propia historia de Galicia, que ten sido a dun país de emigrantes. Os que marchaban eran sobre todo homes en idade de traballar. Iso condicionou e condiciona a situación de avellentamento e baixa natalidade.

E foinos quedando como costume?
Máis que nada foi determinante. Se non hai mulleres en idade de reproducción, a poboación é cada vez máis vella. É algo lóxico. O que pasa é que non foi algo lineal. Hai que ter en conta que Galicia, coma o resto de España, tivo un periodo de saldo migratorio positivo, particularmente nos últimos 25 anos.

Volvemos estar nunha época de emigración. Que suporá?
Estamos ademais nun contexo de forte avellentamento, que nos leva a unha grave crise demográfica. Os que son expulsados son xente nova en idade de reproducción e bótaos o mercado de traballo. Isto supón un círculo vicioso de depresión, avellentamento, falta de innovación, carga de presión sobre o sistema de pensións, os servizos sociais...

Porque os vellos nunca foran tan vellos como hoxe.
Evidentemente. Hai que contextualizalo no incremento da esperanza de vida.

Pero din tamén que hoxe en día a xente nova tampouco ten fillos por 'comodidade'. Coincide vostede nesta opinión?
Si que hai unha relación entre alza da natalidade e inmigrantes. Son os habitantes de países subdesenvolvidos os que adoitan ter maior número de fillos. No momento en que dalgún xeito absorben a cultura local, as mulleres comezan a ter outro tipo de ocupacións que as relegan da carga familiar. Pero iso tamén é un proceso lóxico relacionado co cambio do papel da muller nunha sociedade moderna.

Tendo en conta estes antecedentes, Galicia ten futuro?
Dende o punto de vista demográfico, asistimos a unha gravísima crise. A isto podemos facerlle fronte co avance da natalidade durante máis dunha xeración ou co aporte de novos efectivos demográficos en idade de reproducción. A curto prazo, con medidas de fomento, non se consigue. Eu creo que Galicia se está suicidando a nivel demográfico, sobre todo nas provincias do interior e Ourense é unha delas.

Se seguimos nesta inercia na que estamos, chegaremos a ter problemas serios?
Moi serios. Se non hai unha posición activa, cada vez seremos menos competitivos, menos innovadores, máis conservadores e con maiores cargas sociais que farán a Galicia inviable dende un punto de vista económico.

As institucións que parte de responsabilidade teñen?
Teñen responsabilidades absolutas porque é a eles a quen lles corresponde liderar os procesos de cambio e a xestión dos recursos públicos. Se en Galicia non se asume como problema a crise demográfica, dificilmente poderemos solucionala.

Te puede interesar